Sibuya Urban Sushi Bar, a marca de referencia en cociña xaponesa chega ao centro de Pontevedra
A cadea de cociña asiática Sibuya Urban Sushi Bar desembarca en Pontevedra coa recente apertura, este xoves 22 de abril, na rúa Michelena, número 9.
Tras o éxito dos 24 restaurantes que xa están en funcionamento en todo o territorio nacional, a aposta pola cidade do Lérez vén da man de Javier Romero, un empresario que demostrou a súa solvencia en proxectos tan innovadores como La Pepita Burger Bar, situada a poucos metros deste novo local.
"Trátase dunha proposta que está englobada no casual food. O que conseguimos foi democratizar o sushi, pasando dunha proposta para puristas a un toque desenfadado e atrevido, para que sexa accesible a todo o mundo", explícanos Javier Romero.
Sibuya Urban Sushi Bar dá un paso máis "nunha tendencia que é a comida saudable, healthy food, todo iso nun ambiente moi casual, moi pacífico, cunha música chill out, que poderiamos definir como un punto de encontro onde a xente se reúne para pasalo ben e tamén comer".
Sobre este aspecto, Javier Romero destaca a importancia dos detalles para que o cliente "poida vivir unha auténtica experiencia", tanto os amantes do sushi como os que prefiren outras preparacións tan apetecibles como o "tempurizado, ensaladas, polo, yakisoba que é a pasta xaponesa, noodles... Hai infinidade de opcións e seguro que van atopar unha proposta que se vai adaptar ao seu gusto".
O local ten 300 metros cadrados, dos que 240 corresponden á zona de restaurante, que se ampliará cara ao verán con terraza no exterior. Outra das curiosidades do seu interior é que a cociña está aberta ao público, que pode gozar como o equipo de cociñeiros realiza as elaboracións en directo. "Non hai nada precociñado no que ao sushi se refire", apúntanos Javier Romero, e engade que no último mes as 12 persoas contratadas para estes labores estiveron formándose nas últimas técnicas na central da cadea, que se atopa en León.
Sibuya Urban Sushi Bar combina a experiencia no local con dous tipos de servizo: take away e delivery. O primeiro refírese á comida para levar e xa está en marcha. En canto ao segundo, a repartición a domicilio, habilitarase en breve. Precisamente as características deste tipo de comida, fría ou morna, fana ideal para o servizo a domicilio, xa que non perde nin calidade nin sabor.
O restaurante de Pontevedra é a máis recente apertura dunha marca consolidada que xa ten en marcha con grande éxito locais na Coruña e Lugo. Nos próximos días, abrirá unha nova franquía en Vigo e antes de que finalice o ano serán 12 inauguracións máis en diferentes provincias.