Cinco novas familias adhírense á querela arxentina contra o franquismo
Por Alejandro Espiño
Verdade, xustiza e reparación. É o que buscan as familias galegas que, a falta dun proceso xudicial en España, miraron cara a Arxentina para investigar o franquismo. Os descendentes de cinco novos represaliados decidiron adherirse á coñecida como 'querela arxentina'.
O consulado arxentino en Vigo recibiu este xoves toda a documentación que acredita os asasinatos do ex alcalde de Valga, Celestino Carbia -fusilado en Monte Porreiro-; do mestre Bernardo Mato, veciño da Estrada; e dos sindicalistas José Lijó e José Sieira, ambos de Ribeira.
A estes casos sumouse a familia do sindicalista Carlos Abella, veciño de Ponteceso, que foi condenado a cadea perpetua por "rebelión militar".
As cinco familias presentaron formalmente os papeis necesarios para adherirse á causa na que a xuíza María Servini está a xulgar os delitos de lesa humanidade cometidos tras o golpe de Estado de 18 de xullo de 1936 ata ben entrada a Transición.
Manuel Carbia, neto de Celestino Carbia, destacou que "temos que limpar todo o que pasou, non temos que culpar a ninguén pero témolo que limpar" e asegurou que "non hai dereito" que despois de todo este tempo de loita "teñamos que ir a Arxentina a pedir xustiza".
Pola súa banda, Iria Morgade, bisneta de Bernardo Mato, explicou que adhírese á querela porque o seu familiar "foi unha sombra, un completo descoñecido". A súa muller "decidiu ocultar todo isto aos seus fillos durante toda a súa vida".
Ata o ano 2000 "non soubemos a verdade" e, aínda agora, "sabémola a pequenos trazos". A familia necesita que se faga xustiza, "algo que non fixo o Estado Español durante décadas, abandonando ás vítimas do seu xenocidio" e que fai que "sexan tamén responsables".
De maneira moi sentida, Dolores Sanlés, neta de José Sieira, explicou que a súa familia "tivo medo sempre" e mesmo a súa nai, hoxe en día, "non quería que viñera porque ten medo, porque son filla dun rojo", pero ese desexo de reparación foi moito máis forte.
Nela Abella representou a Carlos Abella, represaliado que pasou parte da súa vida en cárceres franquistas e "afortunadamente conseguiu sobrevivir". Esta é, segundo destacou, unha "enorme oportunidade de desagravio para meu pai e para o resto das familias" que, lamentou, "debería corresponder ao Goberno español, que sempre nos deixou de lado".
Andrés Lijó, sobriño de José Lijó, subliñou por último que "temos a oportunidade de facer ver isto ao mundo, de que a xustiza tome cartas no asunto", porque considera que "é unha vergoña que a estas alturas do século XXI teñamos que ser as familias as que fagamos isto".
As cinco querelas presentadas este xoves son a continuación das entregadas hai agora tres meses polos asasinatos de Ramiro Paz, Alexandre Bóveda e Amancio Caamaño.
Todos eles contaron co apoio dun grupo de traballo específico para memoria histórica que se centra en confeccionar querelas contra os crimes do franquismo de lesa humanidade, de cara á súa adhesión á querela arxentina.
A avogada Jana Calero, da Avogacía Nova Viguesa, asegurou que "vémonos obrigados a presentar todo alí debido á pasividade a todos os niveis, tanto lexislativo, político e xudicial do Estado español que sistematicamente arquiva todas as querelas que se interpoñen".
Apuntou que a pandemia foi un "mazazo" á hora de obter a documentación e da coordinación coas familias, pero sinalou que "foi unha gozada contar con todas as familias, que foron moi participativas, e están moi emocionadas. É super emocionante para nós".
Sobre a situación da querela arxentina explicou que ten máis de dez anos de andadura e xa conta con centos de adhesións. "Non fai falta buscar usuarios porque moitísimas familias de represaliados como as que están hoxe aquí están moi interesadas en facer valer a verdade, xustiza e reparación contra os crimes que se cometeron contra os seus familiares", concluíu.
Celestino Carbia Campaña
Foi fusilado o 11 de maio de 1937 en Monte Porreiro (Pontevedra) con 40 anos de idade. Coa II República foi edil da Organización Republicana Gallega Autónoma (ORGA) no Concello de Valga, sendo alcalde entre os anos 1931 e 1936 e tendo un papel destacable na mobilización sociopolítica de Valga. Foi un dos membros mais activos do Sindicato Agrario de Cordeiro, fundado polo seu pai, mediante o que impulsou o cooperativismo agrario.
Como alcalde levou cabo medidas para o benestar da veciñanza como a construción de fontes e lavadoiros, moi necesarias naquel momento, e medidas secularizadoras e laicizadoras que foron causa para a súa condena á pena de morte. Foi detido o 24 de xullo de 1936 e estivo encadeado en Caldas, Pontevedra e no Lazareto da illa de San Simón.
Foi xulgado mediante causa sumaria instruída contra el e varios veciños de Valga por "rebelión militar". Todos eles eran cargos municipais electos, traballadores do Concello de Valga ou militantes locais das organizacións republicanas e obreiras que integraban a Fronte Popular. Foi asasinado pola defender a legalidade republicana. Celestino Carbia Campaña solicitou a conmutación da pena de morte por cadea perpetua pero lle foi denegada.
Bernardo Mato Castro
Mestre de Teo (A Coruña), faleceu o 4 de setembro de 1936 tras ser detido, sometido a un duro interrogatorio por parte dun grupo de falanxistas, e ser posto en liberdade ferido de morte. O seu trátase dun asasinato extraxudicial. Tiña 49 anos de idade.
Estivo emigrado en Cuba onde participou do asociacionismo galego e o anticaciquismo. Co seu regreso á A Estrada participou do Partido Galegista Anticaciquil do que foi presidente. Tivo gran relevancia como escritor, sendo numerosos os seus artigos en relación á educación como instrumento para o cambio social. Como mestre, salientaron os seus métodos innovadores, sendo a súa escola un modelo para dar formación agrícola, formación profesional, física, clases nocturnas para persoas adultas e crear unha biblioteca para o pobo.
Participou en numerosas iniciativas como as Irmandades da Fala ou nas Misións Pedagóxicas como presidente da Comisión Local de Primeras Enseñanzas de Teo. Foi presidente da Asociación de Traballadores do Ensino de Santiago de Compostela (vinculado á UXT). Tamén formou parte da directiva da Unión Socialista Galega e posteriormente na ORGA.
Unha vez asasinado, catro anos despois e a título póstumo, foi separado definitivamente do seu posto mediante un expediente de depuración, o que tivo como consecuencia directa o exercicio de violencia económica contra a súa esposa e fillos, por non poder solicitar as pensións de viudedade e orfandade que lles corresponderían. Foi executado e axuizado despois de ser asasinado.
Carlos Abella López
Foi detido o 23 de outubro de 1937 e foi instruída contra el, e outros, causa sumarísima urxente por "rebelión militar" en Xixón. Foi condenado á pena de morte conmutada por cadea perpetua. Pertencía á CNT.
O caso de Carlos Abella López é un claro exemplo dos xuízos sumarios castrenses levados a cabo polo Réxime, sendo estes unha ferramenta represiva para eliminar toda disidencia ó golpe de Estado fascista, tendo como resultado a gran maioría das veces a pena de morte, cadea perpetua ou ben a condena a longos anos de privación de liberdade, en terribles condicións de masificación, falta de hixiene e fame.
A Carlos Abella privóuselle de liberdade dende a súa detención en 1937 ata 1956, cando lle foi aplicado o Decreto de 9 de outubro de 1945, polo que se concedeu o indulto total ós condenados por rebelión militar e a outros cometidos ata o 1 de abril de 1939. Indulto que non foi "total" como refería a citada normativa senón unicamente aplicado a determinadas condenas como elemento propagandístico do réxime.
Ao saír da cadea non podía achegarse a Cadín, na súa terra, e veu para Galiza, concretamente para Malpica xa que alí tiña familia. Coñeceu entón á súa muller e pasou a vivir en Corme e logo a Ponteceso.
A represión levada a cabo contra Carlos Abella non foi unicamente a dun sistema xurídico violento de revisión de condenas duns xuízos castrenses aplicados á poboación civil para eliminar todo tipo de disidencia (contrarios as normas de dereito internacional e aos principios de legalidade), xa que tamén levouse a cabo contra él un expediente de incautación de bens en aplicación da Orde da Presidencia de 10 de xaneiro de 1937, mediante a cal declarouse a incautación de bens de persoas e partidos políticos e organizacións declaradas ilegais por opoñerse ao golpe de Estado mediante o Decreto 108 de 13 de setembro de 1936 .
José Lijó Louro
Foi fusilado o 29 de xaneiro de 1937 nas inmediacións do cemiterio de Boisaca-Santiago de Compostela xunto con outros veciños de Ribeira (Manuel Fernández Sendón, Julio Silva Vilas, José Sieira González e Eugenio Rodríguez Bilbao).
Era chófer de profesión e pertencía á CNT de Ribeira, tiña 26 anos de idade cando foi fusilado. Formaba parte do Comité de Defensa da República de Ribeira, constituído para defender a legalidade do goberno lexítimo da II República tras o golpe de Estado.
Contra él foi seguida causa sumarísima e condenado á pena de morte por "rebelión militar". Entre a documentación aportada hai numerosas cartas escritas á súa muller, irmán e nai que son un claro exemplo da falta de garantías dos procesos levados a cabo e as principais preocupacións e dificultades para a aportación de elementos probatorios nestes xuízos represivos.
Estas cartas tamén son a voz para rachar co silencio e o esquecemento de todas aquelas persoas que estiveron presas esperando a sentenzas que as condenarían a ser asasinadas por defender a liberdade, a igualdade e a democracia.
José Sieira González
Foi fusilado o 29 de xaneiro de 1937 nas inmediacións do cemiterio de Boisaca-Santiago de Compostela xunto con outros veciños de Ribeira.
Era mariñeiro e afiliado á CNT de Ribeira e tiña 37 anos cando foi asasinado. Formaba parte do Comité de Defensa da República da súa vila, constituído para defender a legalidade do goberno lexítimo da II República tras o golpe de Estado.
Foi condenado por "rebelión militar" tras seguirse contra el causa sumarísima. Tamén xunto á documentación aportada hai numerosas cartas remitidas á súa muller e ao movemento obreiro de Ribeira trasladando as súas preocupacións, folgos e que non quedase no esquecemento a inxustiza do seu asasinato.
Estas testemuñas mediante as cartas constitúen un material probatorio da situación de todas as persoas que foron asasinadas por defender a liberdade, a igualdade e a democracia.
Relacionadas:
-
A nova Lei de Memoria Democrática garante o acceso das vítimas do franquismo á xustiza?
Por Redacción |
-
O BNG apela ao legado de Bóveda e presenta un novo modelo de financiamento "que non discrimine a Galiza"
Por Mónica Patxot & Natalia Puga |
-
Presentadas no Consulado arxentino as querelas polos asasinatos de Bóveda, Caamaño e Paz
Por Redacción |
-
As familias de Bóveda, Paz e Caamaño presentarán o luns 18 as querelas individuais por "crimes do franquismo"
Por Redacción |
-
A familia Paz súmase ás de Bóveda e Caamaño e adhírese á querela arxentina contra os crimes do franquismo
Por Redacción |