As asociacións Xoán XXIII e Boa Vida celebrarán o Día do Libro
Por Oskar Viéitez
Este venres 23 de abril celébrase o Día Internacional do Libro e entre as numerosas entidades e colectivos que organizan actividades con tal ocasión atópanse a Fundación Xoán XXIII e a Asociación Boa Vida.
Os primeiros instalarán un posto de libros de segunda man na rúa, diante do quiosco do Hospital Provincial, en horario de 10:00 a 20:00 horas. Teñen uns 3.000 libros que lles doaron e que agora venderán a baixo prezo, entre un e sete euros.
A intención é dobre, porque ademais de darlle unha segunda oportunidade a estes exemplares tamén queren salvar a actividade dos quioscos que xestionan cos postos de traballo que xeran.
A Fundación Xoán XXIII ten en marcha unha campaña de doazón e venda de libros de segunda man cuxos beneficios se destinan ao mantemento do emprego destes quiosqueiros.
Pola súa banda a Asociación Boa Vida regalará 400 libros. Esta entidade pontevedresa está dedicada á recollida de produtos que xa non se necesitan e facilita emprego, formación e orientación a persoas en situación de exclusión social. Nos seus almacéns conta cun importante volume de libros que poñerá ao dispor daqueles amantes da lectura que desexen ir buscar o seu exemplar de agasallo.
Durante todo o día, en horario comercial, poderán recollerse libros no local número 3 da rúa da Seca.
Relacionadas:
-
Libros de segunda man para salvar os quioscos da Fundación Xoán XXIII
Por Manu Otero & Mónica Patxot |
-
Boa Vida abre nova tenda solidaria: "Temémonos que a xente de aquí xa non sae a pedir axuda"
Por Mónica Patxot & María José Pita |
-
A Fundación Juan XXIII recolle libros este martes no Hospital Provincial na súa campaña #SOSQUIOSCOS
Por Redacción |