As axudas Supera 21 admitirán PEMES e financiarán gastos de material por envío a domicilio
Por Redacción
As concelleiras Anabel Gulías, Eva Vilaverde e Yoya Blanco mantiñan un encontro con representantes das asociacións Zona Monumental, Hoempo e Plataforma de afectados covid-19 para analizar o borrador das axudas Supera 21 do Concello de Pontevedra, que contan cun investimento que supera un millón de euros distribuídos en diversos bloques co obxectivo de axudar aos sectores empresariais que están a pasar dificultades con motivo da crise económica provocada pola pandemia.
As novidades das novas bases para estas axudas contemplan un cambio nas empresas beneficiarias respecto a as anteriores axudas. Agora o borrador recolle ás PEMES (pequenas e medianas empresas) en lugar de microempresas. Segundo explicou Anabel Gulías, trátase dun rango máis amplo e que permite cubrir a máis entidades.
Tamén se establece que os beneficiarios serán os establecementos e non as empresas. Con esta medida, segundo explicou a concelleira de Promoción da Cidade, unha mesma empresa pode optar a máis dunha axuda, se conta con diversos locais. Esta proposta foi realizada por Zona Monumental e Hoempo, explicou Gulías. Ademais aquelas empresas que abriron tras o decreto do estado de alarma tamén poderán solicitar as axudas.
En canto aos gastos elexibles, o Concello decidiu introducir novos conceptos susceptibles de financiamento como os gastos de material de envío a domicilio, tanto de hostalería como de calquera comercio que renove o seu servizo de paquetería. Contémplase tamén o financiamento de material relacionado coa comunicación como gastos de publicidade, redes sociais ou deseños de campañas, ademais de material para evitar a expansión da covid e vehículos para a actividade comercial.
As responsables municipais anunciaron, por outra banda, ampliar o prazo de presentación das axudas a un mínimo dun mes para que se formulen as solicitudes de maneira máis cómoda. E, neste sentido, melloraranse as condicións para optar fixando a cantidade do anticipo nun 100% para que o sector emprarial poida acollerse ás axudas con facilidade.
As axudas de Supera 21 están a realizarse en diferentes áreas como Benestar Social, co apoio para adquisición de equipos informáticos; o aprazamento do pago de taxas e impostos municipais; a dinamización de prazas e rúas para fomentar a actividade cultural e con investimentos para xerar emprego. Desde o Concello de Pontevedra esperan que o borrador estea finalizado a mediados de maio para que se abra o prazo de solicitudes.
AXUDAS PARA ADQUIRIR EQUIPOS INFORMÁTICOS
Tino Fernández, concelleiro de Educación, desprazábase este xoves ata o IES Sánchez Cantón para entregar mil folletos informativos sobre a liña de subvencións que se inclúe no Plan Supera para adquirir equipos informáticos.
O tenente de alcalde mantiña un encontro con Rocío Vieites, directora do centro, e con outros integrantes do equipo directivo. O Concello destina 400.000 euros, coa posibilidade de que se amplíe a partida, para romper a fenda tecnolóxica e garantir que todos os escolares van contar con equipos informáticas para que poidan manter a actividade educativa con normalidade.
As axudas son dun máximo de 400 euros por cada menor de idade e de 2.000 euros por unidade familiar e están destinadas a todo o alumnado empadroado no Concello de Pontevedra matriculado no curso actual.
As solicitudes de subvención pódense presentar desde o martes, a través da sede electrónica do Concello ou de forma presencial no Rexistro municipal, tamén a través das oficinas do Plan Supera 21, situadas na rúa Dona Tareixa. O prazo de presentación conclúe nun mes.
Relacionadas:
-
O Plan Supera21 recibe 325 solicitudes para financiar investimentos en empresas
Por Alejandro Espiño |
-
O prazo de solicitude das axudas do Plan Supera comeza o 2 de setembro
Por Redacción |
-
As axudas do Plan Supera21 poderán destinarse a investimentos ou a gasto corrente
Por Alejandro Espiño |
-
O Concello recibe 580 solicitudes de axuda para adquirir material informático dentro do Plan Supera
Por Redacción |
-
Os escaparates énchense de actividades artísticas co proxecto EscaparArte
Por Mónica Patxot |
-
Pistoletazo de saída para a solicitude das axudas do Concello para comprar computadores
Por Oskar Viéitez |
-
Comeza o reparto de folletos informativos nos centros educativos sobre as axudas para mercar ordenadores
Por Redacción |
-
O Concello de Pontevedra activa a Oficina Supera a partires da vindeira semana
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |