Alarma na concellaría de Educación polo atraso no inicio de curso na Escola de Capataces Forestais
Por Redacción
O atraso no inicio de curso para os máis de 120 alumnos do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Lourizán espertou o receo da concellaría de Educación.
O concelleiro, Agustín Fernández, móstrase preocupado pola situación ao entender que se está a dilapidar, segundo o seu criterio, o prestixio dun centro de referencia.
A Escola de Capataces Forestais anuncia o inicio das clases para o próximo xoves 3 de outubro, máis de 15 días despois do inicio de curso nas ensinanzas medias (ESO, bacharelato e ciclos formativos).
Este atraso, segundo Fernández, débese á falta de asignación das prazas vacantes do profesorado por parte das consellerías de Educación e Medio Rural.
En Lourizán impártese o ciclo medio de Aproveitamento e Conservación do Medio Natural e o ciclo superior de Xestión Forestal e do Medio Natural.
O concelleiro pontevedrés queixouse ante o que entende como un novo "desprezo" da Xunta á cidade en materia de ensino, tras o anuncio do goberno autonómico da súa renuncia a contruir polo momento a nova sede da escola de hostalaría Carlos Oroza.