Impacto da covid-19 en Semana Santa: contaxios en núcleos familiares, pero menos do agardado
Por Manu Otero
"A Semana Santa influíu pouco nos contaxios". Dío o director do departamento de Alertas Epidemiolóxicas do Sergas, Miguel Álvarez Deza, que recoñece unha "pequena elevación puntual" da pandemia derivada das numerosas reunións familiares e entre amigos que se produciron durante os pasados días festivos, pero que "non chegarán a ser un pico", augura.
O peche perimetral das comunidades autónomas durante estas datas resultou fundamental para evitar que a incidencia de covid-19 volvérase disparar como ocorreu durante o Nadal, argumenta o epidemiólogo, que achaca o repunte dos últimos días á relaxación nas medidas de protección nas contornas familiares. "O 90% de gromos prodúcense en familia", asegura Álvarez Deza.
A curva de contaxios atopábase "nunha meseta" antes da Semana Santa e aínda que o médico non ve indicios de que a situación vaia a empeorar, si que admite unha pequena subida. No entanto, está convencido de que a situación segue controlada e que coa administración de máis vacunas nos proximos meses seguirá mellorando.
Sobre o empeoramento das cifras nalgúns concellos, que pasaron de risco baixo a alto en poucos días, desvela que se tratan de brotes familiares e perfectamente identificados e controlados. En Marín, detalla, o 71% dos contaxios son en ambientes familiares, mentres que a porcentaxe supera o 90% noutros municipios como Meaño, Ribadumia ou Vilanova.
É por iso que Álvarez Deza fai especial fincapé na necesidade de manter todas as precaucións en ambientes de confianza. "En moitas terrazas vemos a xente que non se pon a máscara entre grolo e grolo", ilustra o médico que pide especial coidado coas reunións en domicilios sen protección.
Sobre a situación na capital da provincia, que acumula días cun lixeiro pero incesante aumento de casos, lanza tamén unha mensaxe de optimismo. O índice reproductivo atópase moi lixeramente por encima de 1. Isto quere dicir que, estes días, un positivo só está contaxiando a unha persoa. Unha cifra que está por baixo da media galega.
Outro parámetro para a esperanza é que a porcentaxe de probas PCR positivas na cidade rolda o 2%, moi por baixo do nivel de alerta que marca a OMS, que sitúa a barreira no 5%. No entanto, neste caso Pontevedra está ligeramente por encima da media galega, pero moi por baixo da cifra que rexistra a área de Vigo.