Vilagarcía, con 46 casos de violencia de xénero activos, asina o novo pacto de colaboración entre corpos de seguridade do Estado
Por Redacción
A subdelegada do Goberno, Maica Larriba, presidiu este mércores a Xunta Local de Seguridade do Concello de Vilagarcía na que se subscribiu o novo protocolo de colaboración entre as forzas e corpos de seguridade do Estado e a Policía Local no marco do programa de seguimento integral das vítimas de violencia machista. O acordo foi asinado tamén polo alcalde da cidade, Alberto Varela, e a comisaria provincial de Pontevedra, Estíbaliz Palma.
O de Vilagarcía é o sétimo concello da provincia que renova este documento imprescindible para permanecer dentro do Sistema Vioxen. O novo protocolo recolle a repartición de funcións e asignacións de vítimas entre os distintos corpos de seguridade e adecúase ás referencias normativas actuais.
Despois de agradecer a colaboración do goberno local e poñer en valor o traballo da Policía Nacional, Maica Larriba destacou que o novo pacto permite "sumar máis efectivos e recursos á protección das vítimas".
Na actualidade, a Policía Nacional realiza o seguimento de 36 vítimas da localidade, mentres que a Policía Local, o de 10. Segundo os datos que figuran no sistema Vioxen, en Vilagarcía de Arousa contabilízanse 46 casos activos de violencia de xénero, o que supón case o 4,02 % dos casos activos na provincia e o 63 % dos casos activos en todo o partido xudicial.
No que vai de ano, déronse de alta 12 casos no sistema, dos que 7 seguen vixentes. Ademais, 44 das 46 vítimas contan con algún tipo de orde de protección e o 43 % delas teñen entre 31 e 45 anos. O 47 % dos agresores sitúase tamén na mesma franxa de idade.
No referente a nivel de risco, dúas das vítimas están no nivel alto, 10, no medio; 21, no baixo; e 13 como non apreciado.
O partido xudicial de Vilagarcía, rexistra en total 73 casos: 46 en Vilagarcía, 10 en Catoira, 6 na Illa e 11 en Vilanova.
Relacionadas:
-
A Policía sorprende unha muller cando subtraía un bolso do interior dun establecemento comercial
Por Oskar Viéitez |
-
A subdelegada do Goberno dá a benvida aos novos inspectores da Policía Nacional
Por Redacción |
-
25N | Maica Larriba pide condenar actitudes, prácticas e condutas que consenten a violencia á muller
Por Redacción |