Un condutor queda mirando o radar mentres fala polo móbil, párano e descóbrenlle cinco infraccións
Por Natalia Puga
Un condutor pontevedrés foi vítima esta semana da súa propia curiosidade e acabou denunciado por cinco infraccións porque non puido conter as ganas de pararse a mirar un radar de control de velocidade da Policía Local de Pontevedra.
O home circulaba pola avenida de Bos Aires de Pontevedra na mañá do martes ao mesmo tempo que falaba polo teléfono móbil e, cando se atopou cun control de velocidade da Policía Local, reduciu a velocidade e quedouse mirando.
Era un simple xesto de curiosidade e saíulle caro, pois el mirou o aparello de control de velocidade, pero non se fixou en que dentro do vehículo había un policía que descubriu que estaba a falar polo teléfono móbil ao volante.
Os axentes que estaba a formar parte do operativo policial establecido para o control de velocidade déronlle o alto a este condutor para denuncialo por usar o teléfono móbil ao volante, pero, cando o pararon, descubriron outras catro irregularidades.
Tres das denuncias foron por temas relacionados coa circulación, pois non só falaba polo móbil, senón que tamén foi denunciado porque deu positivo na proba de detección do consumo de drogas e porque non podía conducir por ter o carné retirado por perda de vixencia do mesmo.
Ademais, os axentes localizaron outras dúas irregularidades de distinta natureza. Realizaron un rexistro e atopáronlle dentro do coche unha pequena cantidade de droga e un arpón.