Lores defende nunha mesa redonda da Deputación de Barcelona que "a Axenda 2030 hai que cumprila"
Por Redacción
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, participou este martes 20 de abril nun encontro telemático organizado pola Diputació de Barcelona sobre a necesidade mellorar a calidade dos espazos urbanos como vía para mellorar a vida das persoas e a saúde do planeta.
No encontro, titulado 'Ciudades y pueblos verdes y saludables’, o rexedor pontevedrés compartiu espazo coa alcaldesa de Santander, Gema Igual, o alcalde de Pamplona, Enrique Maya, e a edil de mobilidade de Vitoria-Gasteiz, Ana Oregui.
En concreto Lores interveu no debate 'Planificar el modelo urbano desde lo verde', defendendo que "cada cidade ten que seguir o seu camiño pero a Axenda 2030 hai que cumprila" e apostando pola "valentía política" á hora de tomar decisións sobre o espazo público, sobre todo tendo en conta que "son os alcaldes e as alcaldesas as que teñen as competencias nesta materia"
Durante o seu discurso o alcalde resumiu o traballo realizado polo goberno municipal nos últimos anos con medidas para fomentar a redución do tráfico rodado innecesario ou a redución de velocidade, un empuxón para a ausencia de falecementos en zonas urbanas por accidentes ou atropelos. "Foi un proceso satisfactorio", sinalou Lores sobre unha políticas que tamén se centraron na accesibilidade e a recuperación de contornas naturais.
Todo iso conseguiu que Pontevedra sexa a día de hoxe "unha cidade dinámica social e economicamente, cunha redución significativa de emisións e a mellora da calidade do aire e un espazo público seguro que o cidadán percibe como a extensión da súa casa".
Por último Fernández Lores indicou a necesidade de que os obxectivos vaian máis aló da mera creación de zonas verdes, centrándose tamén en asuntos como a eficiencia do ciclo da auga e o tratamento dos residuos a través da reciclaxe e a compostaxe.