Bueu ampliará os aparcadoiros do parque empresarial de Castiñeiras
Por Redacción
O Concello de Bueu ampliará os aparcadoiros do parque empresarial de Castiñeiras, destinando unha parcela municipal de 795 metros situada á entrada do polígono para a construción dun total de 28 prazas de aparcadoiro.
O alcalde de Bueu, Félix Juncal, e o concelleiro de cultura e medio ambiente, Xosé Leal, presentaron o proxecto de ampliación do estacionamento ao responsable da Asociación de Empresarios de Castiñeiras, Pablo Pazos, e ao xerente da Federación de Comerciantes e Industriais do Morrazo, Rodrigo Pastoriza.
O proxecto, que conta cun orzamento de arredor de 30.000 euros, supoñerá dar cumprimento a unha das demandas que o colectivo de empresarios solicitara nunha reunión previa a comezos deste ano.
Segundo apunta o alcalde, "é unha actuación importante para o presente e para o futuro, que permitirá atender as necesidades de espazo destinado a aparcadoiro que se producirá coa instalación de dúas empresas".
O goberno local está traballando para conseguir o financiamento necesario, co fin de que esta actuación poida ser unha realidade no verán, pois "temos o compromiso de seguir potenciando este parque que ten cada vez un maior músculo, sendo un dos máis demandados da provincia".
Neste sentido, Juncal avanzou que de cara o futuro se estudará a creación dun centro municipal que poida acoller un viveiro de empresas e que funcione así mesmo como viveiro multiusos.
Pola súa banda, o representante dos empresarios reivindicou a necesidade de buscar as fórmulas legais para que se poida incrementar a edificabilidade interior das naves e aproveitar máis o espazo neste polígono que ten practicamente todo o solo industrial ocupado.
Relacionadas:
-
Os propietarios do Polígono industrial de Castiñeiras tramitan a súa ampliación
Por Redacción |
-
Bueu anuncia melloras no parque empresarial de Castiñeiras
Por Redacción |
-
Destinan axudas a 11 novos proxectos para dinamizar o rural
Por Oskar Viéitez |
-
Bueu inicia o axardinamento da rotonda do polígono de Castiñeiras
Por Redacción |