Dúas empresas da cidade xestionarán o Laboratorio da Infancia de Pontevedra
Por Redacción
Taller Aberto e Marexada impulsarán e xestionarán o Laboratorio da Infancia de Pontevedra, un proxecto que promoverá talleres de educación e concienciación ambiental, práctica deportiva, sustentabilidade, economía circular e vida saudable entre a rapazada do municipio.
Estas dúas empresas de Pontevedra son as adxudicatarias dos dous lotes nos que se dividiu a adxudicación deste programa, financiado con fondos europeos EDUSI e no que se investirán algo máis de 133.000 euros.
Así, Taller Aberto recibirá 54.790 euros para elaborar, en colaboración cos servizos municipais, un Plan de Acción para a Infancia e o propio Laboratorio da Infancia; mentres que Marexada, por 78.650 euros, será a encargada de deseñar e executar as accións recollidas no programa.
O plan de acción, segundo o responsable municipal de Educación, Tino Fernández, crearase de xeito dinámico e cunha alta participación das familias, os diversos actores sociais e os axentes educativos e pedagóxicos, incluídos centros docentes e investigadores da universidade.
Terá como criterios internos fundamentais os da igualdade de xénero entre mulleres e homes, a igualdade de oportunidades e a inclusión social, a sustentabilidade, a promoción das liberdades individuais e dos dereitos humanos e sociais, o comportamento social, a análise crítica, o razoamento e o coñecemento, así como o fomento da innovación.
Deberá dar prioridade a todas aquelas accións e liñas que redunden en melloras de colectivos infantís especialmente desfavorecidos a nivel local, posibilitando a execución inmediata de accións que permitan a inclusión social e melloren a igualdade de oportunidades de todos.
En paralelo, poranse en marcha accións directas que sirvan de ferramenta de arranque ás dinámicas participativas do Laboratorio da Infancia e que estarán centradas, por un lado, na educación e concienciación ambiental, na sustentabilidade e na economía circular; e por outro, na educación e concienciación deportiva.
No primeiro caso, promoveranse talleres que expliquen os valores do mundo rural, entre outras accións, mediante a visita guiada aos parques forestais de Pontevedra. No que atinxe á educación e concienciación deportiva, potenciaranse os recursos deportivos en conxunción cos naturais, con talleres vencellados á práctica deportiva e á vida saudable.
Relacionadas:
-
Activan as actividades para escolares que organiza o Laboratorio da Infancia
Por Redacción |
-
Organizan obradoiros nos colexios de Pontevedra para previr o machismo e a violencia sexual
Por Redacción |
-
O proxecto do Laboratorio da Infancia esperta o interese de empresas de Pontevedra e foráneas
Por Redacción |
-
Pontevedra impulsa un Laboratorio da Infancia para promover unha vida saudable
Por Alejandro Espiño |