Arquivada a denuncia do PP contra o alcalde de Barro polas obras da piscina municipal
Por Oskar Viéitez
O Xulgado de primeira instancia e instrucción número 1 de Caldas de Reis ven de emitir un auto no que arquiva a denuncia do Partido Popular contra o alcalde de Barro e confirma que o expediente de execución da piscina municipal foi levado a cabo seguindo os trámites legalmente establecidos e sen que exista ningunha irregularidade na súa tramitación.
Para o alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, este auto ditado polo xuíz "supón unha satisfacción, pois corrobora que o proceso de licitación e execución da piscina municipal foi impecable".
A denuncia pública feita polo Partido Popular sobre irregularidades sobre a execución da piscina nas vésperas das eleccións municipais, segundo o alcalde, foi presentada na Fiscalía polo portavoz do PP despois das eleccións "debido á rabia e frustración polos resultados nos que o BNG acadou a maioría absoluta, empregando na denuncia probas falsas e un baile de cifras distorsionadas".
Fernández Abraldes afirmou que o PP fundamentou a súa denuncia, "baseándose nun suposto informe técnico que ao final eran meras opinións de quen non coñecía o proxecto nin a execución do mesmo, sendo incapaz de facer un cálculo correcto das porcentaxes do modificado realizado sobre o proxecto inicial".
Para Abraldes esta denuncia do portavoz do PP "é o epílogo de quen despois de gobernar durante 32 anos non aceptou pasar á oposición e que pensaba que o concello era da súa propiedade".
Relacionadas:
-
O alcalde de Barro declarará como investigado no xulgado pola obra da piscina municipal
Por Natalia Puga |
-
Barro estrea a súa flamante piscina municipal
Por Alejandro Espiño |
-
O Concello de Barro acusa o PP de "difundir bulos" sobre a piscina municipal
Por Redacción |
-
O PP de Barro denuncia ante a Fiscalía o goberno do BNG e PSOE por unha desviación de 69.848 nas obras da piscina
Por Redacción |