Escepticismo no lecer nocturno pontevedrés ante a reapertura prevista pola Xunta para inicios de verán
Por Manu Otero
O lecer nocturno pode regresar en Galicia a finais de xuño, sempre que a situación sanitaria o permita. Díxoo o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, este luns, pero o anuncio non sentou nada ben entre o empresariado pontevedrés. "É fume", sentencia o propietario de Sala Karma, Marcos Rivas. "Queda moi bonita a nova pero non hai nada. Ninguén dixo cando nin como", engade o presidente de Hoempo e dono de La Pomada, Dani Lorenzo.
A desilusión, o enfado e a fartura non deixa de crecer nun sector que acumula xa 14 meses pechado e con perdas económicas incalculables. "Aínda non recibimos nin unha soa axuda", engade o líder do colectivo outro argumento para desconfiar dos plans da Xunta, á que acusan de falta de diálogo.
Se a evolución da pandemia da covid-19 continúa cunha tendencia decrecente, a reapertura destes locais podería producirse a finais de xuño. E a finais de maio, estudan a posibilidade de realizar unha experiencia piloto para planificar a desescalada.
"Non nolo cremos, levamos desde novembro sen noticias e convocáronnos hai uns días para une reunión por videoconferencia na que nos falaron dunha proba piloto dentro dun mes, pero nada máis", critica Julio Barral, propietario de tres pubs, Patrimonio, Aranda e Fetiche, na zona vella de Pontevedra.
Máis escéptico móstrase aínda Marcos Rivas. "É fume, ninguén ten información, ninguén sabe nada, non falaron con ninguén, non hai protocolo", sostén o empresario que tampouco comprende as razóns dunha proba piloto. "Cando se poida abrir, que se abra e se deixen de bobadas. Fomos os máis sensatos e defenestráronnos", di en referencia ao peche voluntario promovido polo lecer nocturno pontevedrés en marzo do 2020 antes do decreto do estado de alarma.
A pesar das dúbidas, a vontade de retomar a actividade é indicutible. "Temos ganas e necesidade. Levamos un ano longo pechados e pagando", lembra Iván Parada, propietario do Bazaar. Tamén son conscientes de que o funcionamento terá que estar moi regulado, para o que suxiren a aprobación dun protocolo que sirva para evitar contaxios e, ao mesmo tempo, permitir a viabilidade dos negocios.
O que non acepta o sector é a limitación de horario. "Necesitamos horario nocturno e xente", pide Julio Barral, consciente de que esta clase de locais non poden competir coas terrazas nin a hostalería diurna. E para que as súas peticións poidan facerse realidade suxire a realización de test de antíxenos nos accesos aos pubs e discotecas.
O propietario de La Pomada pide que se volva a habilitar o plan posto en marcha durante os primeiros meses do verán do 2020, "que funcionou".
Asumen todos que haberá aforo limitado, pero "a xente vén a socializar, se llo impiden os nosos locais non serán rendibles", apunta Parada, quen propón un rexistro na entrada para rastrexar calquera tipo de contaxio.
A reapertura destes locais está cada día máis próxima, pero para que a situación non obrigue de novo a pechalos consideran fundamental contar cun plan específico consensuado entre o empresariado, Sanidade e o goberno. "Catorce meses despois seguimos sen un plan específico e aínda non sabemos se contactarán connosco. Só pedimos diálogo, a reapertura ten que ser algo conxunto, senón seguiranse cometendo erros", demanda Lorenzo.
O asunto económico é o que máis bochas levanta no sector. En Pontevedra foron varios os propietarios que recibiron axudas do plan de rescate da hostelería da Xunta, mais demandan un programa propio pensado para el ocio nocturno. Ao que moi poucos accederon foron ás axudas para o pago de alugueres porque os requisitos eran moi difíciles de cumprir. Mentres tanto, seguen abonando relixiosamente todos os seus impostos. "Algúns estamos xa no cemiterio", advirte o dono de Sala Karma.
Advirten ademais que o lecer nocturno non desapareceu, transformouse. "O lecer nocturno agora é de día. A xente pásase horas nas terrazas, só falta que poidan poñer música", explica Marcos Rivas. Mesma tese defende Julio Barral, quen aconsella ás autoridades permitir a apertura destes locais para "ter un lecer nocturno controlado e non festas en domicilios particulares".
No mesmo sentido pronúnciase tamén Jorge Santos, un dos socios propietarios de Discoteca La Luna, ao afirmar que "non realizaremos ningunha apertura ata que podamos asegurar o 100% de seguridade aos nosos clientes e traballadores". Con todo, aplauden que se "empece a ver a luz ao final do túnel", pero móstrase "expectante" ante as condicións que impoña a Xunta, como o control dos aforos, "para ver se pode ser viable ou non".
Sobre a proba piloto avanzada polo vicepresidente tampouco dispoñen de información máis aló das declaracións públicas de Alfonso Rueda. "A ver como van esas probas piloto e se imos ser partícipes delas", remata Jorge Santos.
Relacionadas:
-
Reabre a Sala Karma tras 522 días pechada pola pandemia: "Tiñamos moitas ganas de volver"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
La Pomada porá a proba as medidas para a reapertura do lecer nocturno
Por Redacción |
-
Malestar nas redes sociais ante os vídeos de celebracións masivas na contorna da Praza da Verdura
Por Redacción |
-
O mercado inmobiliario en Pontevedra permanece conxelado ás portas da reapertura do lecer nocturno
Por Manu Otero |
-
Plan piloto da Xunta para a reapertura do sector do ocio nocturno
Por Redacción |
-
O Grove continúa con máximas restricións e Marín, Meaño, Ribadumia e Vilanova pasan a nivel alto
Por Redacción |
-
Falece unha muller por covid en Montecelo, tras 13 días sen vítimas mortais pola pandemia na área sanitaria
Por Redacción |
-
Rueda sinala que as axudas da Xunta e Concellos para autónomos e pemes estarán repartidas ao 100% en tres semanas
Por Oskar Viéitez |
-
Pontevedra retoma Cabos Soltos para impulsar a cultura e a hostalería local
Por Manu Otero |
-
Un ano sen lecer nocturno en Pontevedra: os primeiros en pechar, os últimos en abrir
Por Manu Otero & Mónica Patxot |
-
Daniel Lorenzo, presidente de Hoempo: "Isto non afecta só os hostaleiros, os políticos vanse a levar un golpe duro"
Por Manu Otero & Mónica Patxot |