A primeira fin de semana con toque de queda ampliado sáldase con 27 sancións na hostalería da provincia
Por Redacción
A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, presidiu este luns unha nova reunión por videoconferencia do Centro de Coordinación provincial establecido para o seguimento dos dispositivos de seguridade relacionados coa actual situación sanitaria
Coa participación de mandos de todos os corpos e forzas de seguridade da provincia, durante o encontro constatouse que durante a primeira fin de semana con toque de queda ampliado tramitáronse 117 propostas de sanción.
Ao longo da fin de semana traballaron 1.319 axentes que identificaron a 5.278 persoas e controlaron 3.450 vehículos nun total de 1.319 dispositivos de vixilancia. Como consecuencias dos mesmos, propuxéronse 117 sancións e dez persoas acabaron detidas.
De forma paralela, as autoridades policiais realizaron 1.200 inspeccións en establecementos hostaleiros da provincia, onde interpuxeron 27 sancións.
Cos datos na man, Maica Larriba destacou que as cifras de sancións continúan sendo baixas, o que evidencia "un seguimento exemplar das normas por parte cidadanía de Pontevedra. Durante a primeira fin de semana con restaurantes abertos para ceas e toque de queda ampliado ata as 23 horas, os veciños e veciñas de todos os municipios de Pontevedra tiveron un comportamento exemplar", asegurou a subdelegada.
Sobre a actual situación da pandemia no Grove, único concello da provincia en nivel máximo de restricións e con peche perimetral, destacou que "non se rexistraron grandes problemas coa mobilidade neste municipio durante a fin de semana".