O sector dos furancheiros únese e formaliza a petición para abrir en Pontevedra ata o 31 de xullo
Por Redacción
A Federación de Furancheiros, Loureiros e Viticultores de Pontevedra e a Asociación de Viticultores de Pontevedra 'Val do Lérez' formalizaron unha petición para que a tempada de actividade dos furanchos sexa un mes máis longa e poidan abrir os seus establecementos ata o 31 de xullo.
Segundo a información facilitada polo Concello de Pontevedra, estes colectivos de furancheiros acaban de rexistrar a solicitude formal para que o Administración local amplíe a tempada de actividade dos furanchos.
Esta solicitude non podía realizarse a título individual, senón que é preciso que sexa todo un sector o que a solicite. Unha vez realizada a petición, o seguinte trámite será que a Xunta de Goberno a aprobe e, a continuación, xa será efectiva.
Esta ampliación será posible no marco do artigo 8 da 'Ordenanza reguladora de furanchos e loureiros no Concello de Pontevedra', que se modificou no Pleno de Pontevedra do 28 de decembro e xa está formalmente publicada no boletín oficial o 7 de xaneiro. Este artigo permite regular a tempada furancheira co obxecto de permitir que se amplíe en caso de circunstancias excepcionais.
Trátase dunha modificación realizada polos furancheiros ao Concello a raíz da situación excepcional de pandemia do ano pasado, pois non puideron ter actividade normal durante o período formal de apertura por mor do estado de alarma e as restricións derivadas da covid-19.
O período ordinario de actividade dos furanchos está establecido entre o 1 de xaneiro e o 30 de xuño, pero agora poderá ampliarse ata o 31 de xullo porque a actual pandemia supón unha circunstancia excepcional.
Actualmente no Concello de Pontevedra, o número de furanchos autorizados é de 22 e cada furancho poderá permanecer aberto un máximo de 3 meses dentro do período de actividade (3 meses entre o 1 de xaneiro e o 31 de xullo).
Relacionadas:
-
Termina xullo e termina a tempada dos furanchos en Marín
Por Redacción |
-
Pontevedra ampliará ata o 31 de xullo o período de actividade dos furanchos en situacións excepcionais
Por Redacción |
-
Pontevedra permitirá que os furanchos abran en xullo se hai "circunstancias excepcionais"
Por Alejandro Espiño |