A APDR denuncia que "a responsabilidade de ENCE na contaminación do solo por mercurio é evidente"
Por Redacción
A Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR) saíu ao paso este sábado do informe interno de Ence que se deu a coñecer nos últimos días e confirma a contaminación de mercurio nos solos e augas subterráneas do complexo industrial de Lourizán e valorou que as explicacións que deu a Xunta de Galicia son "inadmisibles". A administración autonómica defendeu que os niveis de mercurio detectados en Lourizán "agora mesmo non superan os límites establecidos".
O colectivo ecoloxista esixe á Xunta de Galicia "que abandone, dunha vez por todas, a política de submisión aos intereses da empresa" e "tome as medidas oportunas para impedir a chegada do mercurio á Ría" como consecuencia do arrastre nas augas que se filtran a través dos solos de Ence e Elnosa.
Ademais, cren que esta situación que se fixo pública despois de que a propia empresa enviara á Xunta o citado informe debería ser "unha razón máis" para que as administracións con competencia no tema adopten "sen máis dilación" a decisión de poñer "fin inmediato" á concesión de Ence en Lourizán.
Segundo Antón Masa, presidente da APDR, o fin da concesión é "a única decisión que pode evitar que se sigan producindo danos ás persoas, ao medio ambiente e aos recursos naturais da nosa comarca".
A APDR tamén denuncia a "posible incidencia" desta contaminación nos traballadores de Ence, na veciñanza, e nas augas da Ría, onde estaría chegando o mercurio transportado polas augas da choiva que se filtran a través do terreo.
Os ecoloxistas consideran que o único obxectivo de Ence ao enviar este Informe á Xunta é "intentar eludir as súas responsabilidades nesta contaminación" e, ao tempo, ás obrigas de executar as medidas necesarias para evitar os danos provocados e afrontar os gastos derivados da súa reparación.
Nesta liña, a APDR critica que Ence pretende responsabilizar unicamente a Elnosa, cando "a responsabilidade de Ence na contaminación do solo por mercurio é evidente". Para xustificar esta afirmación, desde a APDR lembran que "abonda lembrar que a instalación de Elnosa en Lourizán respondeu, única e exclusivamente, ás necesidades de Ence" e que ata o ano 2004, que se produce a privatización de Elnosa, as dúas empresas formaban un todo.
Ademais, insisten en que o mercurio no solo do complexo -e as filtracións cara á Ría- vénse depositando desde a chegada da electroquímica e que alcanza niveis moi preocupantes; non é algo novo que xorde durante as operacións de desmantelamento das instalacións da fábrica de cloro.
Relacionadas:
-
O BNG alerta de contaminación por mercurio en Lourizán e o PP, crítico co alarmismo do Bloque, nega o perigo
Por Redacción |
-
O BNG solicita a documentación sobre a contaminación por mercurio dos terreos de ELNOSA e ENCE
Por Redacción |
-
O Concello pide á Xunta que se verifiquen os niveis de mercurio na contorna de Ence-Elnosa
Por Oskar Viéitez |
-
Ence nega que a presenza de mercurio se deba á súa actividade
Por Oskar Viéitez |
-
O PSdeG e Podemos esixen responsabilidades pola contaminación por mercurio
Por Oskar Viéitez |
-
A Xunta defende que os niveis de mercurio detectados en Lourizán "agora mesmo non superan os límites establecidos"
Por Diego Espiño |
-
ENCE alerta nun informe interno de verteduras de mercurio á ría procedentes do desmantelamento de Elnosa
Por Redacción |