As obras nos terreos da ONCE comezarán a finais de abril
Por Redacción
As obras de urbanización da parcela propiedade da ONCE, na contorna do novo centro de inserción laboral da Fundación para a Discapacidade e Emprego Xoán XXIII, comezarán antes de que remate o mes de abril. Así o adiantou o Concello, despois de asinar a acta de inicio da obra tras a adxudicación e contratación da actuación, licitada por parte da ONCE.
Este Proxecto de Urbanización do polígono, que xa fora aprobado pola Xunta de Goberno local a finais do mes de decembro, estará composto por tres fases de execución das obras.
A primeira inclúe a urbanización do vial que está diante da residencia que conecta Santa Lucía (na zona Corva) e parte do 'vial E'. Con esta execución conectarán o barrio de Campolongo coa zona da Corva e coa avenida de Vigo.
Na segunda fase continuarán o vial urbanizado na primeira fase ata a conexión co PERI aprobado. Tamén o camiño de San Brais/Pintor Urbano Lugrís, tramo máis longo e estreito da parte dereita.
Por último, a terceira fase consistirá na urbanización da parte interior situada entre os bloques do polígono (zonas verdes e vial peonil), unha pequena zona verde lindeira co vial da segunda fase, o vial situado diante do predio do CRE -rúa de Santa Lucía-, a zona da entrada ao CRE, que constituirá a rotonda prevista pola modificación puntual, e o treito que prolonga a rúa de Santa Lucía e permite a súa conexión coa rúa do Pintor Urbano Lugrís.
Dentro do proxecto están incluídos varios cambios como consecuenia do convenio subscrito entre a ONCE e Xoán XXIII. Segundo o convenio, ONCE comprometeuse a sufragar as obras de urbanización no frente lateral dereito da parcela de Xoán XXIII, no 'vial E' previsto no proxecto, desde o seu inicio na confluencia coa rúa Pintor Urbano Lugrís, nunha lonxitude de 40 metros.
Relacionadas:
-
Inician as obras para a conexión das rúas Santa Lucía con Urbano Lugrís
Por Redacción |
-
O centro de formación e inserción laboral da Fundación Juan XXIII estará rematado en setembro
Por Redacción |
-
A reurbanización dos terreos da ONCE comezará no primeiro trimestre de 2021
Por Alejandro Espiño |
-
O Concello cede por 75 anos ao Xoán XXIII 4.600 metros cadrados de terreo
Por Oskar Viéitez |