Apoio do Concello á Escola de Restauración
Por Diego Espiño
O conflito de alumnado e profesores da Escola de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia segue o seu curso coas protestas diarias dos afectados, que continúan reivindicando a titulación de grao para estes estudos.
Este venres os involucrados nesta problemática acudiron ás instalacións da Xunta de Galicia en Pontevedra para entregar, unha a unha, solicitudes por rexistro dirixidas ao conselleiro de Educación, Valedor do Pobo e presidente da Xunta, entre outros, pedindo unha solución a este asunto.
Estudantes e profesores recibiron ademais o apoio do Concello de Pontevedra, en forma de visita dos concelleiros Luis Bará e Carmen Fouces ao director do centro, Fernando Carrera.
Bará asegurou que cumprirán o acordo plenario de apoio ao centro, ao ser "fundamental e vital para nós que a escola se consolide en Pontevedra co recoñecemento universitario, como se fixo ademáis noutras comunidades".
Defende o concelleiro que de manterse a decisión de non conceder ao título condición de grao "teríamos uns titulados en Pontevedra que competirían en inferioridade de condicións con outros que noutras escolas do Estado teñen un título con ese recoñecemento".
Carmen Fouces defendeu ademais que se trata dunha petición sinxela e que xa ten precedentes na bisbarra: "se fixo noutras ocasión como no tema de INEF ou a Escola Naval de Marín e se conseguiu, non houbo grandes problemas, se se toma unha decisión nese sentido terán que explicar por que".