Pontevedra activará un servizo de mediación e interpretación para persoas con diversidade sensorial
Por Alejandro Espiño
Avanzar cara unha accesibilidade sensorial universal en todos os eidos da administración. É o obxectivo do Programa Comunico, que porá en marcha o Concello de Pontevedra en colaboración coa Organización de Persoas Xordas de Galicia (Xoga).
Esta iniciativa foi presentada este venres polo concelleiro de Benestar Social, Marcos Rey, e a presidenta de Xoga, María Jesús Monterde.
O Programa Comunico, destacaron os seus responsables, é o resultado dun traballo conxunto para superar as "limitacións invisibles" que teñen as persoas con diversidade sensorial e para defender a equidade, a accesibilidade universal, a inclusión e a comunicación "sen límites".
Entre as accións previstas destaca a creación dun servizo de interpretación e mediación para que as persoas con diversidade sensorial poidan realizar todo tipo de trámites administrativos sen ningún impedimento ou barreira que llo impida.
Ademais, haberá intérpretes de lingua de signos dispoñibles para os plenos da corporación municipal e para todos os eventos e actividades organizadas dende o Concello; instalaranse bucles magnéticos en edificios públicos e crearanse páxinas web accesibles.
Tamén se manterán contactos coas universidades para establecer convenios e colaboracións neste eido, levaranse a cabo charlas e formacións para o alumnado de educación regrada e fomentarase o acceso ao mercado laboral nos programas dirixidos a persoas vulnerables.
Nestes momentos, segundo María Jesús Monterde, hai entre 7.000 e 8.000 persoas con diversidade sensorial en Pontevedra, "que usan ou non" a lingua de signos, polo que este proxecto "é un paso adiante para acadar a equidade" entre os cidadáns.
Os seus responsables agardan que este Programa Comunico poida converterse nun referente a nivel nacional e que se poida replicar noutras administracións públicas.