A Escola de Igualdade María Vinyals abordará o papel das mulleres na administración pública do futuro
Por Oskar Viéitez
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, presentou este venres en rolda de prensa unha nova xornada presencial e en liña da Escola de Igualdade María Vinyals, en colaboración coa Cátedra Iberoamericana da Universidade de Santiago de Compostela.
Será os xoves 22 e 29 de abril e leva por título 'A Axenda 2030 e o papel das mulleres na administración pública do futuro', e ten como finalidade mobilizar o talento das mulleres na administración pública, para visualizar e debater sobre o papel que tivo a muller, o que ten e, sobre todo, o que debe ter no futuro.
A presidenta provincial estivo acompañada por María Xosé Rodríguez Galdo, directora da xornada e por María Cadaval Sampedro, directora da Cátedra Iberoamericana da Universidade de Santiago de Compostela (USC).
Carmela Silva expresou o seu desexo de que "moita xente participe", e tamén "seguir sumando novas voces". Nestas xornadas a Escola María Vinyals organízanse catro mesas redondas sectoriais que contarán "con nomes moi potentes que daremos a coñecer cando os confirmemos ao 100%" dixo a presidenta da Deputación a tempo que subliñaba que "a nosa relación coa Universidade de Saniago de Compostela naceu para quedar".
No programa se van tratar o liderado dos servizos sociosanitarios, a investigación e educación pública, o liderado feminino na administración e as cidades sostibles.
Ademais, haberá mesas de apertura e peche nas que participarán mulleres en primeira liña política e da administración "para apoiar o papel da Deputación de Pontevedra no seu compromiso coa igualdade real das mulleres, no marco dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS)".
A xornada está dirixida ao público en xeral, ao persoal do sector público e a todas as persoas profesionais que estean interesadas no tema da igualdade de xénero.
A directora da xornada comentou que "o momento que estamos vivindo estanos obrigando a repensar moitas cousas, por suposto todo o que ten que ver coa sustentabilidade" e dentro disto, "a covid mostrou a forte discriminación que hai a nivel social e a nivel de mulleres".
Pola súa banda, María Cadaval Sampedro lembrou que "a igualdade é un dos 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da Axenda 2030 e os demais son transversais arredor deste".
A Mesa 1, "O papel das mulleres no liderado dos servizos sociosanitarios", estará moderada por Águeda Gómez Suárez, directora da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo e contará con María África González-Fernández, catedrática de Inmunoloxía da Universidade de Vigo; Tatiana López del Río, CEO da empresa NANOGAP e Ana Concheiro Guisán, xefa do Servizo de Pediatría do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo.
A Mesa 2 sobre "O papel da muller en prol da investigación e da educación pública de calidade" estará moderada por María Cadaval Sampedro, e contará con Capitolina Díaz Martínez, catedrática de Socioloxía da Universidade de Valencia e primeira directora da Unidade Mulleres e Ciencia do Ministerio de Educación e Ciencia do Goberno de España; con Elena Rivo López, profesora e codirectora da Cátedra de Empresa Familiar da Universidade de Vigo. Foi decana da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo de Ourense e con Elena Vázquez Cendón, profesora de Matemática Aplicada, coordinadora de Estalmat e decana da Facultade de Matemáticas da USC.
A terceira das mesas, sobre "O liderado feminino na Administración e o seu avance cara unha igualdade real" estará moderada por María Dolores Fernández Galiño, valedora do pobo e contará con Ana José Varela Gonzalez , directora financeira e de orzamentos da OCDE; Concepción Campos Acuña, presidenta da Asociación de Mujeres en el Sector Público e Margarita Parajó Calvo, titular da Asesoría Xurídica do Concello de Vigo.
A Mesa 4: "Cidades sostibles: un reto para o liderado feminino no mundo local na procura de institucións sólidas" estará moderada por María Xosé Rodríguez Galdo, catedrática emérita de Historia e Institucións Económicas da USC e contaará con Ana Oregi Bastarrika, responsable da Área de Territorio, Acción polo Clima, Mobilidade e Espazo Público de Vitoria-Gasteiz; Amalia López Acera, xornalista, especialista en comunicación e redes sociais na Administración pública local e Inmaculada Viña Carregal, interventora da administración local e directora do ORAL da Deputación de Pontevedra.
Finalmente haberá unha mesa de clausura ao redor de "O papel das mulleres na sdministración pública ante a Axenda 2030" coa participación de Consuelo Castro Rey, avogada xeral do Estado; Carmela Silva Rego, presidenta da Deputación de Pontevedra; María Xosé Rodríguez Galdo, directora da xornada e María Cadaval Sampedro, directora da Cátedra Iberoamericana da USC.
Xa está dispoñible na web da Deputación de Pontevedra o formulario de inscrición para participar nesta xornada.