O parque infantil de Ponte Muíños xa está renovado
Por Redacción
A área de xogos situada na rúa dos Matos de Arango, nas proximidades no complexo deportivo Rías do Sur, xa pode recibir de novo aos seus usuarios. Remataron os traballos para renovar este parque infantil, no que se reforzaron as súas condicións de seguridade.
O proxecto incluíu a restauración de travesas e táboas de madeira, a correcta fixación de postes ao chan, o lixado de todo o valado polas súas dúas caras e o correspondente tratamento de conservación da madeira mediante a aplicación de dúas mans de verniz.
Tamén se inspeccionaron os diversos xogos, substituíndo táboas deterioradas e lixando os mesmos, repoñendo aqueles parafusos e tapóns en mal estado e aplicándolles un lasurado e unha man de pintura especial a todas aquelas pezas pintadas
As obras completáronse coa reposición do pavimento, a colocación dun resorte que estaba solto mellorando a súa ancoraxe e o cambio dun dos bancos da zona de lecer para permitir que reciba sombra das árbores que preside o parque infantil.