Sanidade estudará a viabilidade dos terreos reservados en Barro para o novo centro de saúde
Por Redacción
Desde 2014 Barro ten reservados terreos no núcleo de San Antoniño para a construción dun novo centro de saúde. Sanidade vai a estudar a súa viabilidade ao entender tamén que é necesario que o municipio renove os seus equipamentos sanitarios.
Así o acordaron nunha xuntanza telemática o alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, e o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña. Este último confirmou que a construción deste novo centro de saúde está na axenda do goberno galego.
Para dar pasos de cara a poder elaborar o proxecto dese novo equipamento, García Comesaña comprometeuse a que nas próximas semanas os técnicos da consellería farán unha visita a Barro para avaliar a idoneidade dos terreos reservados polo Concello.
O alcalde amosou a súa satisfacción tras comprobar que as autoridades sanitarias comparten o obxectivo de construír unha nova edificación que dea resposta ás necesidades actuais do municipio e poder prestar unha atención sanitaria de calidade.
O actual centro de saúde, recorda Fernández Abraldes, xa ten moito anos e polas súas características de construción non é o máis axeitado. Ademais, facer actuacións parciais para solucionar as súas eivas non servirían para unha mellora integral do mesmo.