Anticiclón nas Rías Baixas ata que irrompan as chuvias no inicio da vindeira semana
Por Redacción
Ao longo deste venres, as Rías Baixas manteranse baixo a influencia anticiclónica. Con esta situación, espéranse nesta xornada ceos despexados ou pouco nubrados, con nubes altas. As temperaturas sufrirán un lixeiro descenso situándose entre os 7 e os 24 graos, con ventos moderados procedentes do nordés, segundo o servizo de Meteogalicia.
A mesma situación vai experimentarse este sábado 17 con Galicia baixo a influencia das altas presións. Os ceos seguirán pouco nubrados ou despexados, con algún intervalo de nubes altas. As temperaturas máximas descenderán lixeiramente nas Rías Baixas pasando aos 21 graos e os ventos pasarán a soprar frouxos de compoñente leste.
Xa ao longo do domingo 18 espérase unha xornada de transición na que se irá perdendo, co paso das horas, a influencia anticiclónica. Desta forma, aumentará progresivamente a presenza de nubes que entrarán polo oeste. Existe a posibilidade de que os ceos nubrados descarguen choivas durante a noite na fachada atlántica. As temperaturas mínimas ascenderán moderadamente e as máximas descenderán lixeiramente para establecerse entre os 7 e os 17 graos, con ventos que soprarán frouxos do compoñente sur.
O inicio da próxima semana virá marcado polo achegamento dunha fronte pouca activa con aumento da presenza de nubes e a posibilidade de precipitacións de carácter feble. As temperaturas situaranse entre os 11 e os 17 graos. Os ventos soprarán do suroeste, frouxos no interior, con intervalos de moderado na costa.
A partir de mediados da semana, Meteogalicia prevé a recuperación da influencia anticiclónica pero as temperaturas seguirán sendo baixas para esta época do ano, aínda que se espera que se rexistre un aumento progresivo de fronte á seguinte fin de semana.