Denuncian verteduras incontroladas de lixo en Cerdedo-Cotobade
Por Redacción
A agrupación socialista de Cerdedo Cotobade denuncia a existencia de verteduras incontroladas en diferentes puntos do concello.
En diferentes sesións plenarias a voceira municipal, Lina Garrido, xa advertira da aparición de diversos restos de materiais de construción, así como colchóns, restos de mobles e outros entullos e refugallos.
"Nesta ocasión o máis significativo e preocupante acontece na N-541 á altura de San Xurxo de Sacos", sinala o PSdeG.
O grupo municipal socialista asegura estar preocupado porque esta situación "se está a converter nunha dinámica habitual en diferentes parroquias do concello".
A día de hoxe o Concello de Cerdedo-Cotobade dispón dun punto limpo así como unha recollida de voluminosos a domicilio e unha ordenanza municipal que contempla sancións a aplicar nestes casos.
"Desde o noso grupo pedimos, unha vez máis, a colaboración veciñal para evitar o dano que ocasiona ao noso medio ambiente así como a imaxe negativa dun concello tan rico paisaxísticamente", afirman.