Primeira toma de contacto da nova edición do proxecto de emprendemento Senda 2021 de Poio
Por Redacción
O Proxecto Senda 2021, que xurde coa intención de mellorar a inserción laboral e o labor emprendedor en Poio, xa ten en marcha a súa cuarta edición. Este xoves tivo lugar a primeira toma de contacto con preto de 40 persoas inscritas para tomar parte nesta iniciativa
O concelleiro de Promoción Económica, o socialista Gregorio Agís, participou este xoves na primeira das xornadas do proceso selectivo, que se desenvolven no Centro de Formación da Reiboa, na parroquia de San Xoán, e que se prolongarán ata este venres.
Tal e como explicou o concelleiro, o proceso selectivo estase levando a cabo en grupos reducidos, para garantir o cumprimento da ocupación máxima e de todas as medidas de seguridade que marcan as autoridades sanitarias, por mor da pandemia da covid-19.
Unha vez rematada esta fase, as sesións comezarán, nas mesmas instalacións, a partires do vindeiro 22 de abril e finalizarán no mes de xullo.
O Proxecto Senda mantén os seus obxectivos de fomentar o emprendemento, o impulso de novas marcas e proxectos persoais, o uso de novas tecnoloxías e a formación. Agís amosouse convencido de que resultará unha ferramenta "moi útil" para os participantes, a maioría persoas empadroadas en Poio.
Nesta liña, lembrou que Poio ten unha gran franxa de habitantes mozos e con pretensións de iniciar a súa actividade profesional a través de novos negocios ou proxectos emprendedores. Con iniciativas como esta, "o que pretendemos é darlles un pulo para que os seus obxectivos se fagan realidade e se lle poida dar visibilidade á súa valía", explicou.
Agís tamén animou aos asistentes a realizar as súas propostas e achegas, porque "son moitas as ocasións nas que, grazas ás suxestións realizadas pola cidadanía, podemos impulsar novos cursos e actuacións que redunden no seu beneficio".
Relacionadas:
-
O Proxecto Senda 2021 rematará cunha xornada de intercambio de bens e produtos
Por Redacción |
-
O proxecto de emprendemento Senda chega ao seu ecuador
Por Redacción |
-
Comezan as sesións de traballo en grupo da cuarta edición do Proxecto Senda
Por Redacción |
-
O Proxecto Senda 2021 arrancará en abril para mellorar a inserción laboral en tempos de crise
Por Redacción |