As visitas volven á Casa Museo de Colón en grupos dun máximo de 15 por mor da pandemia
Por Redacción
A Casa Museo de Colón, en Poio, volve recibir visitas despois dunha tempada pechada ao público. Un grupo de dez persoas de Vigo estreou o novo servizo durante a pasada fin de semana.
Todas as persoas interesadas en visitar estas instalacións de Portosanto (San Salvador de Poio) tan só teñen que poñerse en contacto co Concello de Poio, chamando ao número de teléfono 986770001.
A causa das restricións derivadas da pandemia da covid-19, o número máximo permitido para estas actividades será de 15 persoas, que poderán achegarse ata a Casa Museo de martes a sábado en horario de 9.30 a 14.30 horas. O museo permanecerá pechado os domingos e os luns.
Desde principios de abril, estas dependencias contan cunha conserxe, contratada a través da liña do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, cun contrato de oito meses de duración.
O primeiro grupo de visitantes chegou nunha actividade organizada pola Asociación Memoria Histórica que se realizou cumprindo con todas as medidas en cuestións de ocupación, hixiene e distanciamento que marcan as autoridades sanitarias por mor da pandemia da covid-19.
Deseñada polo arquitecto pontevedrés Enrique Barreiro, conta con tres andares, que suman preto de 150 metros cadrados de superficie útil. Un dos seus grandes atractivos é a exposición permanente sobre Cristóbal Colón, que ofrece un extenso percorrido pola teoría da orixe galega do descubridor do continente americano.
Ademais de documentos e material audiovisual, a mostra ofrece, entre outras cousas, unha réplica, a tamaño natural, dunha carta náutica debuxada polo navegante Juan de La Cosa no ano 1.500.