Caldas realizará un estudo fitopatolóxico do chan da Carballeira
Por Redacción
O Concello de Caldas de Reis vén de recibir unha subvención de 7.600 euros da Consellería de Medio Ambiente ao abeiro da orde de axudas para a conservación, protección e mellora das árbores e formacións incluídas no Catálogo Galego de Árbores Senlleiras.
Trátase dunha contía que se destinará por un lado á elaboración dun estudo completo de fitopatoloxía do chan da Carballeira, formación declarada senlleira, onde se detectaron diferentes problemáticas e, por outro, á mellora do coñecemento e ao deseño de patróns de conservación e mantemento dos dous exemplares arbóreos "senlleiros" presentes no Xardín Botánico, conxunto declarado, ademais, Ben de Interese Cultural.
O concelleiro de Medio Ambiente, Manuel González, subliñou os esforzos que cada ano realiza o Goberno local na xestión tanto da Carballeira como do Xardín Botánico, dous espazos naturais emblemáticos de Caldas de Reis nos que é preciso investir recursos para garantir a súa correcta conservación.
Nesta liña incidiu en que as actuacións a desenvolver con esta achega son "moi necesarias para manter nas mellores condicións o conxunto co obxecto de favorecer tanto o seu bo estado biolóxico e natural como o seu uso e desfrute por parte da veciñanza".
As actuacións dirixidas ao mantemento e conservación dos mencionados espazos naturais levaranse a cabo de acordo coas pautas de acción establecidas no Plan Director do Arborado do Xardín Botánico e da Carballeira realizado polo enxeñeiro agrónomo e arquitecto da paisaxe, Doutor Pedro Calaza.
Sostido neste documento, o Concello realiza un seguimento técnico de ambos conxuntos e ten deseñado unha listaxe das árbores que precisan de actuacións máis urxentes nas que se describe o seu estado de conservacións e as propostas de traballo a desenvolver sobre as mesmas e sobre o calidade do chan.
Destinaranse 3.500 euros ao estudo completo de fitopatoloxía do chan da Carballeira que se realizará mediante unha análise multiespecífica con técnicas innovadoras de bioloxía molecular NGS para a detección e cuantificación de especies potencialmente problemáticas de fungos desenvolto no Laboratorio FITOLAB do Instituto Pedro Nunes vinculado á Universidade de Coimbra e punteiro neste tipo de análise.
Trátase dunha secuenciación masiva de microorganismos para determinar a súa presenza mediante análise bioinformático. Iso permitirá coñecer o estado fitopatolóxico do chan para así poder propoñer as técnicas de xestión máis adecuadas en función dos resultados. Por exemplo, a existencia dalgunhas especies e a súa cuantificación pode supoñer a conveniencia ou non dalgún tipo de abonado orgánico ou a xestión da rega.
A metodoloxía é sumamente innovadora neste campo e pode axudar a unha xestión científica e diferenciada da masa arbórea completa da Carballeira.
Os outros 4.100 euros da achega servirán para a caracterización global do estado de conservación do exemplar de Cunninghamia lanceolata (Abeto da Conchinchina) e de Araucaria brasiliensis (Araucaria Angustifolia), ambos presentes no Xardín Botánico e catalogados como "Árbores Senlleiras".
O estudo recollerá a toma de datos en campo de tipo dendrométrico, biomecánico, de situación; a análise visual da árbore, o diagnóstico de vitalidade, vigor e morfofisiolóxico, a categorización dos exemplares no seu ciclo e etapa de desenvolvemento; a análise dos posibles condicionantes da contorna e a súa relación co estado fisiolóxico das árbores, a análise preliminar visual das pragas e/ou patoloxías que poidan estar presentes na árbore.
A partir destes datos elaborarase unha ficha individualizada de cada unha, coas recomendacións e pautas de xestión da árbore e as propostas de mellora na súa xestión e na da contorna. Isto á vez servirá de modelo para estudos posteriores noutros exemplares catalogados.
HERBA NA CARBALLEIRA
No marco do Plan Director do Arborado unha das estratexias que se está levando a cabo na Carballeira actualmente é a de deixar medrar a herba como mecanismo de descompactación do chan co obxecto de favorecer a súa osixenación e mellorar así entrada de nutrientes ás árbores. Ao deixar medrar a vexetación aumenta a descompactación do chan e iso tradúcese nunha mellor calidade do escosistema edafolóxico potenciando a vida dos microorganismos para un solo máis san.