O Supremo reduce a última condena da Audiencia de Pontevedra a Sito Miñanco por branqueo de capitais
Por Natalia Puga
O narcotraficante de Cambados José Ramón Prado Bugallo, coñecido como Sito Miñanco, deberá cumprir finalmente 3 anos e 9 meses de prisión e pagar unha multa de cinco millóns de euros por un delito de branqueo de capitais cometido xunto á súa primeira esposa, unha das súas fillas e un empresario da súa máxima confianza e polo que foi xulgado e condenado na Audiencia Provincial de Pontevedra en 2018 e 2019.
A condena é substancialmente inferior á que lle impuxo a Audiencia de Pontevedra e acaba de fixala o Tribunal Supremo. O Alto Tribunal decidiu rebaixala ao apreciar dilacións indebidas na causa, que se iniciou en 2009. A condena inicial era de catro anos de prisión e unha multa de seis millóns de euros.
O Tribunal Supremo revisou a sentenza tras un recurso do coñecido narcotraficante e confirmou a súa responsabilidade, pero non a da súa ex cuñada, Josefa Pouso Navazas, porque conclúe que os feitos polos que se lle condenou non son concluíntes e suscitan unha dúbida razoable que obriga á absolución polo principio de presunción de inocencia.
A nova condena si confirma que son autores dun delito de branqueo de capitais procedentes do tráfico de drogas a súa primeira esposa, María Rosa Pouso Navazas; a súa filla, Rosa María Prado Pouso; e José Alberto Aguín Magdalena (empresario da súa máxima confianza).
O Supremo impón á súa ex esposa 3 anos e 6 meses de prisión e multa de cinco millóns; 3 anos e 3 meses e multa de catro millóns á súa filla; e 3 anos e 6 meses e multa de 5 millóns a Jose Alberto Agüin.
A sentenza ratifica o resto de pronunciamentos da Audiencia, que inclúen clausúraa definitiva da Inmobiliaria San Saturnino S.L. e o comiso da totalidade dos bens.
O tribunal considera acreditado que o catro finalmente condenados formaron unha estrutura organizada marcada por intensos vínculos persoais dos seus integrantes e que branquearon diñeiro procedente do narcotráfico entre 1988 e 2012, a través de sociedades instrumentais "constituídas para a ocultación e retorno das ganancias obtidas ou vinculadas coas actividades dunha enorme magnitude cuantitativa e cualitativa de narcotráfico nas que participou o Sr. Bugallo".
O maxistrado Javier Hernández conclúe que Miñanco constituíu as mercantís San Saturnino S.L. e Jolva S.L. , mediante as que se adquiriron 34 inmobles e 13 leiras e que a súa ex muller e o seu amigo xestionábanas. As adquisicións inmobiliarias realizadas non se axustaban aos ingresos societarios e os prezos de compra presentaban todos eles un patrón de infravaloración respecto a os prezos de mercado.
O fallo xudicial conclúe que Miñanco "creou un modelo de transformación das ganancias ilícitas derivadas da súa actividade criminal prolongado durante máis de 20 anos no que participaron as persoas máis próximas do seu círculo máis íntimo persoal e familiar".
Relacionadas:
-
O Supremo, como xa fixo a Audiencia de Pontevedra, rexeita que Sito Miñanco poida acumular tres condenas
Por Natalia Puga |
-
Sito Miñanco, procesado pola Audiencia Nacional por tentar introducir en España catro toneladas de cocaína
Por Redacción |
-
A revisión da condena a Sito Miñanco por branqueo terá que agardar
Por Redacción |
-
Negan a liberdade a Sito Miñanco ao apreciar risco de fuga a pesar do estado de alarma
Por Redacción |
-
Sito Miñanco pide saír de prisión por medo ao coronavirus
Por Oskar Viéitez |
-
Sito Miñanco, condenado a catro anos de cárcere por branqueo de capitais do narcotráfico
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |