Detido o condutor dun autobús escolar por tocamentos a varias menores da Illa
Por Natalia Puga & Alejandro Espiño
Creada e actualizada
Creada e actualizada
A Policía Nacional de Vilagarcía de Arousa detivo nos últimos días a un home de 55 anos como suposto responsable de realizar diversos tocamentos a nenas de 11 e 12 anos durante o transporte escolar. O sospeitoso era o condutor do autobús e investígano como presunto autor dun delito de abusos sexuais.
As familias das menores, nacidas no ano 2009, denunciaron os feitos ante a Policía Nacional e abriuse unha investigación na que o sospeitoso foi detido, aínda que quedou o Xulgado de Garda decidiu deixalo en liberdade en calidade de investigado tras un breve paso polos calabozos vilagarciáns.
O home, ademais, xa non traballa na empresa responsable da liña de transporte escolar na que se produciron os feitos denunciados, que leva ao colexio público a menores da Illa de Arousa.
Segundo as denuncias das familias de cinco nenas, eses episodios de tocamentos producíanse durante as paradas do percorrido do transporte escolar. Neses momentos, o home presuntamente sentaba á beira das menores e tocábaas de forma indebida.
Nada máis ter coñecemento dos feitos, a Consellería de Educación da Xunta de Galicia abriu un expediente sobre o ocorrido, que foi trasladado á Fiscalía Provincial de Pontevedra para que investigue os feitos.
Desde a Consellería de Educacón indican que nestes momentos o asunto está baixo investigación xudicial, de modo que rexeitan achegar máis detalles. Si indicaron que, de forma cautelar, a persoa investigada foi apartada do servizo.