Os populares abordan co Colexio de Enxeñeiros Industriais a urxencia dun novo PXOM
Por Redacción
Os concelleiros do grupo municipal do Partido Popular de Pontevedra, Rafa Domínguez e Pablo Fernández, reuníronse con representantes do Colexio de Enxeñeiros Industriais para coñecer as necesidades do colectivo.
Este encontro encádrase nunha serie de entrevistas que os populares están a ter cos colexios profesionais da cidade "afectados por ter un Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) caducado".
Segundo a información do encontro que trasladan desde o PP, foron dous os temas que vertebraron a reunión: o atraso na concesión de licenzas municipais e a falta de solo industrial e empresarial en Pontevedra. Ambas as demandas, segundo os populares "poderíanse liquidar coa tramitación dunha novo PXOM para a cidade".
Para o portavoz municipal do PP, Rafa Domínguez, dispoñer dun novo Plan Xeral "é fundamental" polo que urxiu a "actualizar" o actual documento que é do ano 1989 e que "contempla as necesidades daquel entón e está totalmente desfasado".
"Necesitamos unha norma clara, que facilite os trámites da cidadanía coa Administración local, que sitúe á cidade á cabeza en Galicia en atracción de empresas", destacou Domínguez. A creación de solo industrial e empresarial axudaría "a traballar nunha contorna segura para que as empresas elixan Pontevedra para instalarse".
Para Domínguez, "nunha cidade onde o Concello celebra o botar a empresas e deixar a miles de persoas en paro, faise fundamental a creación dunha contorna xurídica segura para atraer empresas".
Por este motivo, Rafa Domínguez insistiu en que o concello "debe sacar do caixón a tramitación do PXOM".