A Aula Cemit de Combarro retoma os cursos formativos presenciais
Por Redacción
Despois de varios meses pechadas, as instalacións da Aula Cemit de Poio, situada na Escola do Campo de Combarro, reabren as súas portas. Nos últimos, meses, debido á situación sanitaria provocada pola pandemia da Covid-19, os cursos gratuítos que se ofertan cada mes desenvolvíanse de xeito telemático, a través da canle de Youtube da que dispón a aula.
Agora, estes obradoiros retomarán a súa actividade presencial, cumprindo con todas as medidas hixiénicas, de distanciamento e aforo decretadas polas autoridades sanitarias.
Será o vindeiro luns 19 de abril cando volvan os cursos ‘in situ’, que durarán ata o venres 23.
O primeiro deles consistirá en sesións para aprender a realizar deseños de carteis e folletos a través do uso de Scribus. As clases serán entre as 11.00 e as 12.30 horas. Xa polas tardes, haberá cursos de iniciación á informática (de 17.30 a 19.00 horas) e de iniciación ao uso do procesador de follas de cálculo LibreOffice (entre as 19.00 e as 20.30 horas).
Con estes mesmos horarios, a oferta para a última semana do mes de abril complétase co inicio de máis propostas. Así, entre o 26 e o 29 de abril haberá un obradoiro de presentación on line. Ata o venres 30 durarán os ciclos sobre iniciación a Internet e o nivel medio de uso de follas de cálculo.
Ademais, os responsables da Aula Cemit informan de que durante a mañá do día 30 ofrecerase unha titoría para a obtención do Certificado de Competencias Dixitais (Codix), cuxos exames terán lugar entre o 5 e o 7 de maio.
Se ben estes cursos formativos non comezarán ata a vindeira semana, as instalacións da aula Cemit xa estarán abertas deste este luns 12 de abril. Poderase facer uso dos ordenadores de xeito libre e gratuíto, se ben será necesario solicitar cita previa. O horario será de 10.00 a 11.00 horas polas mañás e de 16.30 a 17.30 polas tardes. Ademais, os colectivos e asociacións locais tamén poderán reservar o uso realizando previamente unha solicitude.