A situación sanitaria obriga a suspender a Festa da Raia de Portonovo
Por Redacción
O Concello de Sanxenxo decidiu suspender a celebración da Festa da Raia debido á situación sanitaria e as restricións vixentes pola pandemia da Covid.
O Goberno local considera que manter nestes momentos a cita gastronómica portonovesa no calendario podería supoñer un paso atrás na recuperación da normalidade, algo que "non nos podemos permitir" e, facelo coas actuais limitacións, desluciría a tradicional festa.
A concelleira de Cultura, Paz Lago, confía que o próximo ano este evento poderá celebrarse con normalidade e agora anima ao consumo do produto. "A homenaxe á raia e ao mundo do mar terá que ser sen celebración popular, pero iso non nos impedirá disfrutar dun producto de altísima calidade que se venderá na lonxa e mercados que se poderán degustar nos domicilios e nos locais de hostalería", asegura.
Dentro da colaboración que o Obradoiro de Hostalería do Salnés mantén coa celebración da Festa da Raia, o alumnado e profesorado trasladáronse este luns á praia de Caneliñas para realizar un showcooking coa raia como protagonista dentro dun percorrido que realizarán polos distintos municipios do Salnés.
Coas distintas elaboracións realizarase un vídeo que logo o Concello de Sanxenxo difundirá para dar a coñecelas nas súas redes sociais. Para a gravación elixiuse unha localización cunha gran simboloxía para Portonovo e que evitase a aglomeración de persoas.
Baixo a batuta do chef meco Paco Caneda, os alumnos realizaron catro elaboracións diferentes coa raia de Portonovo como protagonista: Croquetas de raia sobre crema de pataca violeta con salsa ali-oli, Sushi de raia no que se substituíu o alga polo grelo; Cremoso de arroz verde e raia e a clásica raia "á caldeirada". Caneda incide na importancia do "punto de cocción" e na "calidade da raia que no caso da de Portonovo non hai dúbida".
A Concellería de Cultura realizará tamén unha exposición en Portonovo sobre a historia e tradición da Festa da Raia en tres localizacións distintas: No campo de San Roque, na Avenida Rafael Picó e na estrada da Lanzada. Ata case 80 imaxes da vila mariñeira, das súas xentes e das distintas citas gastronómicas celebradas ao longo da historia expoñeranse nestes puntos.