Atrásase o final das obras de Loureiro Crespo e do antigo ximnasio da ONCE
Por Oskar Viéitez
A portavoz do Goberno municipal do Concello de Pontevedra, Anabel Gulías informou este luns en rolda de prensa que a Xunta de Goberno aprobou as prórrogas de dúas obras correspondentes á mellora da rúa Loureiro Crespo e ao antigo ximnasio da ONCE.
A mellora de Loureiro Crespo e o barrio do Castañal é unha das obras máis ambiciosas que acomete neste mandato o Concello de Pontevedra cun importe de 2.158.068 euros máis as melloras que elevan o orzamento ata os tres millóns de euros.
Os traballos iniciáronse en pleno Estado de Alarma durante o pasado ano e atrasaranse tres meses máis da data inicialmente prevista de finalización. Anabel Gulías recoñeceu que "as obras tiñan que rematar neste mes", concretamente o día 8 de abril e agora o Goberno Local aprobou, cun informe técnico favorable, unha prórroga dun trimestre máis.
Agora a previsión de final de obras sitúase o 8 de xullo deste ano 2021.
"As causas desta prórroga teñen que ven coas condicións meteorolóxicas", segundo apuntou Anabel Gulías en referencia ao que consta no informe técnico. "Tamén nos gustaría advertir que durante o transcurso da obra atopáronse tubaxes que non constaban nos planos iniciais da obra", engadiu a edil nacionalista.
Así ocorreu con algunhas conducións de fibra óptica da empresa de telecomunicacións R que non figuraban nos planos que manexaban os técnicos municipais e tamén antigas conducións da subministración de auga potable.
"Esperamos que se poidan cumprir coas expectativas dos técnicos e das técnicas municipais e poder rematar este proxecto nos tres meses que segue, porque estamos convencidos de que é un dos investimentos que van mellorar a calidade de vida deste barrio", destacou Anabel Gulías respecto a esta mellora urbana "moi demandada pola veciñanza".
ANTIGO XIMNASIO DA ONCE
En canto, ao antigo ximnasio da ONCE, está financiado con fondos FEDER da Unión Europea, dentro da denominada Estratexia EDUSI, e tamén tiña que finalizar o día 10 deste mes de abril.
Neste caso tamén se xustifica o atraso nos traballos nas malas condicións meteorolóxicas e, a maiores, o adxudicatario desta obra Construcións Ramírez expón que por culpa da Covid houbo problemas na recepción de subministracións.
O informe técnico avala o atraso dun mes máis no remate da obra, ata o 10 de maio de 2021.
Relacionadas:
-
Atrasan a novembro a fin das obras de reforma de Loureiro Crespo e O Castañal
Por Alejandro Espiño |
-
O ximnasio da Once estará operativo a mediados de maio
Por Redacción |
-
O formigonado do cruzamento de Antón Fraguas, Loureiro Crespo e Gonzalo Gallas cortará o trafico unha semana
Por Alejandro Espiño |
-
Unha exposición na rúa amosa a historia do barrio de Loureiro Crespo a través do comercio
Por Redacción |
-
As obras de reposición de firme en Xosé Malvar, Fragas e Palamios comezarán o mércores
Por Redacción & Cristina Saiz |