Impostos conxelados e subida nas partidas de emerxencia social, claves para o orzamento de Meaño
Por Redacción
O alcalde de Meaño, Carlos Viéitez, mantivo unha primeira reunión cos portavoces dos grupos municipais para presentarlles unha proposta inicial do que será o orzamento para o ano 2021.
Esa proposta, na que segue traballando o goberno local, ten definidas algunhas das súas liñas mestras, como a conxelación das taxas e impostos municipais.
Por outra banda, segundo confirma o grupo de goberno, incrementarase notablemente a partida destinada á emerxencia social pasando de 7.500 euros aos 30.000 previstos para 2021.
O orzamento recollerá tamén a demandada Relación de Postos Traballo cunha partida específica para facer fronte a súa entrada en vigor neste exercicio.
Por último no apartado de subvencións as contas para 2021 amplían as axudas nominativas, mantendo as das escolas deportivas. Entre as novidades figuran 5.000 euros ao Balonmán Asmubal para financiar a súa participación na competición nacional e 2.000 euros para o Tenis de Mesa GAM.