Os socialistas reclaman desde Caldas un plan de turismo termal á Xunta
Por Redacción
A portavoz de Comercio e Turismo do grupo socialista no Parlamento, Leticia Gallego, reclamou á Xunta este venres desde Caldas a elaboración dun plan estratéxico termal para cada unha das catro provincias galegas co obxectivo de incentivar o turismo termal en Galicia.
Durante unha visita ás pozas da Tafona co alcalde de Caldas de Reis, Juan Manuel Rey; o parlamentario Julio Torrado e membros do goberno local, Gallego chamou a reforzar este turismo sanitario en tempos de pandemia. Aproveitou o percorrido a socialista para criticar a escasa colaboración da Xunta nun proxecto que servirá para aproveitar as posibilidades turísticas do termalismo en Caldas e que executan o Concello e a Deputación de Pontevedra.
"Unha forma de desestacionalizar o turismo galego, para lograr unha distribución equilibrada de visitantes ao longo do ano e unha mellor distribución xeográfica en todo o territorio. Para iso ten que deseñar e planificar programas de axuste estacional con obxectivos a medio e longo prazo", pediu Gallego ao goberno autonómico en referencia á aposta por esta clase de turismo.
Para logralo considera necesario contar cunha partida específica nos orzamentos deste ano que permitan desenvolver un plan estratéxico para as catro provincias que permita superar o "abandono da nosa riqueza termal".
Engadiu Gallego que esta clase de turismo combina "perfectamente" con outros produtos como o turismo rural ou de natureza e intégrase na oferta turística de proximidade que actualmente solicita o visitante.