A Lama retira as escaleiras do cemiterio de Seixido para mellorar a accesibilidade
Por Redacción
Operarios municipais están a solucionar o problema de accesibilidade que se rexistraba no cemiterio de Seixido. Para entrar ao recinto había que subir unhas escaleiras, o que dificultaba o paso ás persoas con problemas de mobilidade. Serán substituídas por unha rampla.
Os traballos contemplan non só a construción da rampla en cemento senón tamén a súa cubrición con pedra acorde co entorno e o peche perimetral do camposanto co fin de gardar unha uniformidade con este espazo.
Estas obras realízanse a petición veciñal que viñan reclamando unha mellora na accesibilidade ao cemiterio ante as dificultades que cada vez máis persoas maiores tiñan para subir polas escaleiras existentes no acceso principal.
Con estes traballos, a entrada é moito máis descansada aproveitando o plano inclinado da rampla, o que facilita o acceso sen necesidade de facer un sobreesforzo para sortear os chanzos existentes con anterioridade.
Tamén se revisará o interior do recinto co fin de corrixir algún defecto que poida existir no pavimento e nos distintos elementos que compoñen este cemiterio municipal.