O plan de expansión de polígono de Veigas de Almorzar avanza na súa tramitación
Por Redacción
O Concello de Caldas acaba de recibir por parte da Consellería de Medio Ambiente a resolución pola que se formula o informe ambiental estratéxico relativo ao Plan Especial de Infraestruturas e Dotacións para a ordenación dos accesos á estrada N-640 no polígono de Veigas de Almorzar. Un documento que resolve que non é necesario someter o procedemento a avaliación ambiental porque "non se prevén efectos significativos sobre o medio ambiente".
Engade o informe que "a contorna da estrada atópase xa moi antropizada" e que "tampouco se prevén efectos sobre o patrimonio natural ao non afectar a espazos e hábitats de interese".
A ordenación prevista terá efectos positivos na mobilidade ao mellorar as condicións de accesibilidade aos usos industriais e comerciais da contorna, así como na seguridade viaria e favorecerá tamén a mobilidade peonil.
Este trámite supón un novo avance na execución do PEID, un proxecto que permitirá converter a principal zona industrial de Caldas nun polígono moderno, ben dotado e comunicado para a mellora e consolidación das empresas existentes, así como para o asentamento de novas firmas.
As obras para realizar contemplan a construción dun tramo principal de calzada de dous carrís entre a glorieta do tanatorio e a de Clesa, con viais de servizo, novas beirarrúas e unha mediana. Tamén se crearán dúas novas rotondas para facilitar os movementos nas diferentes interseccións. Así mesmo, executarase un novo tramo inicial entre o paso baixo a AP-9 e a glorieta de Clesa cun carril de 3,5 metros e beirarrúas de 1,8. Estas novas vías de servizo permitirán a conexión funcional e accesible ás leiras lindeiras.
O alcalde de Caldas, Juan Manuel Rey, ten programadas a próxima semana novas reunións de traballo cos empresarios dos diferentes sectores urbanizables incluídos no proxecto e coas administracións implicadas. O rexedor sinalou que a maioría dos plans parciais xa están en fase de redacción por parte dos promotores privados en base ao PEID, que é o instrumento necesario para poder desenvolver todos os sectores da zona urbanizable do polígono, que son un total de sete e alcanzan unha superficie para ordenar de 57 hectáreas.
"Existe un enorme interese por parte dos promotores actuais en desenvolver os distintos plans parciais e incluso hai disposición de novas empresas por asentarse na zona de desenvolvemento urbanístico. Os diferentes proxectos están en fase de tramitación e dende o Concello estamos a disposición dos empresarios para facilitarlles toda a información e recursos que precisen neste proceso dentro da nosas posibilidades", declarou o rexedor.