Novos teitos para o pavillón municipal de Portas
Por Redacción
O Concello de Portas informa de que vén de destinar un total de 3.586 euros de fondos propios a labores de reparación e substitución do teito dos vestiarios e dos baños do pavillón municipal que se atopaban en moi mal estado.
Os traballos consistiron na colocación de novos paneis de illamento e falso teito, así como a mellora do sistema de iluminación interior das dependencias dos vestiarios e do baño.
O alcalde, Ricardo Martínez, sinalou que as obras foron executadas durante esta pasada Semana Santa e aproveitou para facer un chamamento responsable sobre o uso axeitado das instalacións deportivas municipais "xa que son de todos e temos a obriga de coidalas e usalas coa máxima responsabilidade, conscientes de que unha vez que acabemos de utilizalas debemos deixalas en perfecto estado para que poidan ser ocupadas polos que veñan despois".
Ricardo Martínez destacou o importante servizo que prestan estas instalacións municipais para favorecer a práctica deportiva de colectivos e tamén de persoas que a nivel individual queren adestrar e que teñen neste lugar un sitio axeitado para poder desenvolver este tipo de actividades.