Díptico para fomentar as condutas saudables nos centros escolares de Portas
Por Redacción
O alumnado de segundo de EP do CEIP Domingo Fontán recibía este mércores dípticos formativos sobre o Día Mundial da Saúde. Ricardo Martínez, alcalde de Portas, acompañado polos concelleiros Ana María Pena, María Jesús Fontán e Alfonso Vázquez, achegouse polo centro escolar para ver as actividades desenvolvidas pola técnica de prevención de condutas adictivas, Julia Búa Núñez, en colaboración coa Xunta de Galicia.
Os escolares realizaron unha exposición de debuxos, que forman parte do díptico e unha mostra creativa que se pode visitar na Casa do Concello. A iniciativa celebrada en Portas enmárcase no Proxecto de Prevención de Condutas Adictivas no marco local dos municipios de Cuntis, Campo Lameiro, Barro, Moraña e Portas, en colaboración coa Dirección Xeral de Saúde Pública, pertencente á Consellería de sanidade.
O alcalde expuxo a súa visión sobre a importancia de practicar actividades e estilos de vida saudables, para evitar a incidencia de enfermidades e mellorar tanto física, psíquica como socialmente. A técnica Julia Búa destacou que a pandemia puxo de manifesto as desigualdades existentes en moitos países e defendeu servizos de saúde de calidade nos lugares en que se necesiten.