Ioga ao aire libre para espantar os medos da pandemia
Por Mónica Patxot & María José Pita
A pandemia provocou un cambio de hábitos na poboación en función das medidas que van marcando as autoridades. Conforme aos criterios sanitarios, o Espazo+60 de Afundación tamén se foi adaptando ata que en xaneiro, co inicio da terceira onda, as novas restricións levaron a cancelar todas as actividades presenciais e manter unicamente o formato en liña.
Neste mes de abril, cunhas medidas sanitarias menos restritivas, a actividade presencial xa é posible. Pero os responsables do programa enfrontábanse a un novo reto. Dado que a media de idade dos participantes é de 65 anos e en moitos casos trátase de poboación de risco, era importante que non só se cumprisen escrupulosamente todas as medidas sanitarias senón que ademais os participantes puidesen desenvolver as actividades rompendo os medos de estar tanto tempo en espazos pechados, explícanos Berna Lindín, coordinadora do Espazo+60 de Pontevedra.
Deste xeito, xurdiu a idea de trasladar a aula á rúa e este mércores 7 de abril realizábase a primeira clase de ioga ao aire libre no exterior da Residencia de Estudantes de Abanca, na avenida de Vigo, e que se prolongará, un día á semana, ata o mes de xuño.
Victoria, a alumna de maior idade, comenta a Pontevedra Viva que para ela esta primeira clase foi toda unha alegría, xusto un día despois de cumprir 87 anos. "Que coincidencia, as dúas somos de 1934, pero eu cumpro en maio", interrompe Fidelina, a segunda alumna en experiencia. Ambas comparten actividades no Espazo+60 desde fai máis de vinte anos.
Victoria apúntanos os moitos beneficios da práctica do ioga cun contundente: "é o máximo!" e engade que, á parte de sentir o seu corpo en forma, onde máis o nota é na serenidade que lle achega "sobre todo en non darlle importancia ás cousas, eu vivo soa e síntome moi ben, lembro algunha meditación, respiro e non necesito máis".
No caso de Fidelina, a clase de ioga é unha máis na longa lista de actividades que practica desde que se xubilou como funcionaria. Ximnasia, pilates e inglés en Afundación e un graduado na Universidade Senior. Unha vez rematada a clase cóntanos emocionada que marcha a poñer a primeira dose da vacina, e neste caso é Victoria a que entra na conversa para apuntar que ela xa puxo as dúas. Para ambas, tanto a vacinación como esta clase de ioga son motivos de esperanza despois de tantos meses de encerro.
O perfil dos participantes na área de Envellecemento Activo responde a este patrón de persoas involucradas en actividades de crecemento que se negan a que a idade ou a xubilación laboral supoñan un antes e un despois nas súas vidas. Como Miriam, que aos seus 76 anos e despois de "practicar taichi toda a vida" e asistir ás clases de inglés en Afundación deulle unha oportunidade ao ioga. Na súa primeira clase confírmanos a súa satisfacción e que vai continuar "porque gocei moito, e sobre todo pola profesora, que me encanta". Insístenos en que destaquemos o labor da profesora, Silvia.
Con Silvia completamos o relato da clase. Explícanos que o ioga que ensina no Espazo+60 está adaptado á idade dos participantes, onde se traballa soltar todo o corpo con posturas de "ioga dinámico", que non se teñan que soster moito tempo. Ademais dálle pautas aos participantes para que na súa vida diaria complementen a práctica con "cardio", que é simplemente facer camiñadas a paso lixeiro. A profesora mostraba a súa alegría en que se puidese retomar a actividade pola importancia de facer o traballo en grupo, onde se crea un ambiente e unha conexión especial entre os participantes.
"O poder conectarse coa respiración e sentir como os músculos se relaxan achégache calma e relax, e este traballo de clase despois trasládalo á túa vida cotiá", explica a profesora, á vez que incide na importancia de poder tomarnos este paréntese para nós mesmos no medio de tantas noticias graves relacionadas coa pandemia.
Este momento de calma puideron vivilo os alumnos que acudiron á primeira clase de ioga ao aire libre, que comezaba e remataba cunha repetición do son "om" por parte dos asistentes, á vez que se concentraban no ritmo da respiración e a alegría do reencontro.
Relacionadas:
-
'Pedalear e conversar', a iniciativa de triciclos eléctricos adaptados para fomentar as relacións
Por Mónica Patxot & María José Pita |
-
A Universidade de Vigo comezará o vindeiro curso con clases presenciais na súa totalidade
Por Redacción |
-
Volve o Espazo +60 de Afundación: "Non se pode vivir con medo, vou seguir facendo o que poida"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Regresan as actividades presenciais ao Espazo +60 de Afundación en Pontevedra
Por Redacción |
-
Así levan o confinamento catro mulleres activas
Por Marisa Ciordia |