Augas de Galicia destapará un regato na contorna da lagoa de Major
Por Redacción
Augas de Galicia encarga á empresa Tragsa as obras de reposición do leito do regato de Souto no concello de Sanxenxo. A intervención forma parte dos traballos para a protección dos leitos fluviais e supoñerá un investimento próximo aos 57.000 euros a executar en tres meses.
A zona de actuación sitúase nas inmediacións da praia de Major, bordeando a lagoa artificial existente. Actualmente, o curso atópase entubado por formigón baixo unha cuberta vexetal e un tubo de polietileno que conduce augas cara a unha fonte e unha senda peonil.
A actuación inclúe a escavación para retirar a tubaxe existente, marcando un novo curso para o fluxo de auga. Ademais acondicionarase a zona con espazos de servidume e vexetación autóctona para facilitar a naturalización da zona, que comprende un espazo de 90 metros de longo desde a arqueta de repartición de afuas ata a lagoa artficial.