Poio destinará máis de 700.000 euros en obras de humanización e recuperación de núcleos tradicionais
Por Redacción
O Concello de Poio ten previsto executar un proxecto para humanizar o Camiño Casal, situado na contorna da Seara, que é un dos principais núcleos da parroquia de San Xoán.
Trátase dunha actuación que, tal e como explica a tenente de alcalde e responsable de Obras e Servizos, a socialista Chelo Besada, ten coma obxectivo dar resposta ás necesidades da veciñanza e completar as tarefas de mellora da mobilidade e recuperación da contorna iniciados xa neste lugar e que foron adxudicadas recentemente á empresa Marconsa, logo do cese de actividade de Nexia Infraestructuras.
Este proxecto conta cun orzamento que ascende a 180.888 euros. Entre os traballos contemplados figuran a mellora do firme, que pasará a ser empedrado, e a adaptación de rasantes. O financiamento para facer realidade estas obras obterase a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, correspondente á convocatoria de 2021.
Neste sentido, o Goberno local proxecta tres obras a través destes fondos provinciais, cunha contía total que roza os 743.000 euros. Ademais do proxecto correspondente ao Camiño Casal, cómpre lembrar que se pretenden investir outros 170.243 euros na mellora da Primeira Travesía da Seara, ademais de 391.823 euros na humanización da Rúa Lameiriña, na parroquia de Raxó.
No caso do Camiño Casal, Chelo Besada explica que "existen tramos nos que os servizos ou se atopan en mal estado e tamén hai partes nos que é necesario instalalos". Deste xeito, procederase á dotación de canalizacións de saneamento e pluviais, así como ao soterramento das telecomunicacións.
Por último, levarase a cabo a instalación de novas luminarias. En canto á substitución do firme, está previsto que se actúe nunha superficie de 934 metros cadrados.
Logo de que a Xunta de Goberno Local aprobase o proxecto e a solicitude de fondos a través do Plan Concellos, a tenente de alcalde de Poio confía en que a tramitación burocrática "sexa o máis áxil posible", o que facilitaría que os traballos puidesen comezar "no menor tempo posible".
Relacionadas:
-
A recuperación de Lameiriña e Caneliñas, en Raxó, estará rematada antes do verán
Por Redacción |
-
Luz verde para a humanización do Camiño do Casal, en San Xoán de Poio
Por Redacción |
-
Adxudicada a obra para dotar de saneamento ao lugar de Covadalaxe en Samieira
Por Redacción |
-
O Concello saca a licitación o proxecto de recuperación da contorna de Lameiriña e Caneliñas
Por Redacción |
-
O Concello saca a licitación a mellora da primeira travesía da Seara
Por Redacción |
-
A recuperación da contorna de Lameiriña e Caneliñas custará preto de 400.000 euros
Por Redacción |
-
Construcciones Caldevergazo mellorará o saneamento na zona de Chancelas
Por Oskar Viéitez |
-
Marconsa executará as obras de mellora da Seara cun orzamento de 290.000 euros
Por Redacción |