Moreira solicitará datos a Lores sobre a resposta municipal ao último incidente en ENCE
Por Redacción
Os últimos incidentes en Ence chegan ao pleno municipal. O Partido Popular preguntará o vindeiro luns pola resposta concreta do goberno local ante o suceso, o número de denuncias recompiladas sobre o mesmo, o contido de expediente que debería ter aberto en relación co caso e as posibles actuacións futuras que ten pensado promover Fernández Lores para minimizar o risco de que se sigan producindo este tipo de feitos.
"Ademais de saír nos medios de comunicación para arengar as súas hostes, Miguel Anxo Fernández Lores suponse que algo faría desde o Concello en relación ao incidente ocorrido en Ence o pasado mes de agosto e que derivou nunha desafortunada declaración pública do alcalde contra os traballadores da factoría de Lourizán", explica o portavoz dos populares, Jacobo Moreira, nun comunicado.
Moreira lembra que foi un membro do equipo municipal de goberno, concretamente a concelleira Carme da Silva, quen advertiu sobre o perigo que supón a actividade da fábrica na súa localización "referíndose ao terrible desastre nuclear ocorrido hai 27 anos na rexión ucraína de Chernobil". A "contundencia" desas manifestacións obrigan a facilitar, segundo Moreira, "unha detallada exposición dos datos de que dispoña o Concello sobre o sucedido en Ence".
O voceiro popular aproveitará tamén a súa intervención para solicitar "respecto" a Lores para o cadro de persoal da fábrica e pediralle que se absteña de realizar declaracións como as efectuadas semanas atrás. "Cando o actual alcalde chegou ao seu posto a cidade tiña menos de catro mil parados, unha cifra que hoxe é mais do dobre, o que indubidablemente axiganta a gravidade desa afirmación de desprezo cara a eses operarios", di Moreira.
Ademais, Jacobo Moreira entende que Fernández Lores debería dotar de algo máis de "credibilidade" ao seu discurso sobre a conveniencia dun traslado da fábrica, sinalando o punto ao que quere que se leve o complexo industrial, "pois é el, e non a Xunta nin o Estado, quen ten que decidir o futuro e a ordenación de Pontevedra", concluíu.
Relacionadas:
-
Os escapes en Ence foron "inocuos", di a Xunta, que anima a Lores a "actuar en consecuencia" se non o cre
Por Oskar Viéitez |
-
Lores responde a ENCE: "Cando o fume sae ao aire e cheira, leva substancias. Non é vapor de auga"
Por Alejandro Espiño |
-
Carme da Silva sobre ENCE: "Chernobil tamén era a central máis segura do mundo ata que non o foi"
Por Alejandro Espiño |