Unha ducia de empresas poxan por reformar a saída da vía rápida do Salnés cara a Sanxenxo
Por Redacción
A Xunta recibe unha ducia de ofertas para executar as obras de mellora da conexión da vía rápida do Salnés coa PO-554 en Sanxenxo, que supoñerán un investimento de 335.000 euros para mellorar a saída dos condutores procedentes do Grove cara a Sanxenxo.
A intervención centrarase nun ramal que ten moi pouco radio de xiro e que está regulado por un stop, o que provoca que nas xornadas de moito tráfico procedente das praias xérense retencións que chegan ata a propia vía rápida.
O obxectivo do goberno autonómico é iniciar os traballos despois da tempada de verán. As obras, que servirán para corrixir os defectos antes sinalados, complementaranse con outras actuacións de reforzo da seguridade viaria, como a recolocación dos báculos de iluminación, a renovación da sinalización e a colocación de balizas de serparación dos sentidos no ramal entre glorietas.