Os cans de Marín quedarán sen praia no verán
Por Redacción
Ata o próximo 14 de xuño, os donos dos cans non poderán levalos ás praias de Marín entre as doce da mañá e as oito da tarde. A partir desa data, estará totalmente prohibido en todo momento.
Así consta na instrución aprobada polo Concello de Marín. Cando chegue o 16 de setembro e ata o 30 dese mesmo mes estará activo de novo o horario restrinxido entre as 12.00 e as 20.00 horas. E a partir de aí, de novo, os cans poderán volver aos areais durante todo o día.
Desde o goberno municipal insisten en que nos meses de xullo e agosto, e tamén na primeira quincena de setembro, estará prohibido baixar coas mascotas á praia a calquera hora.
É unha das medidas aprobadas, segundo destaca o Concello, para manter o medio ambiente limpo e respectar a contorna, apostando por unhas praias limpas.
A este respecto, a partir da próxima semana comezarán a repartirse as botellas para que os donos dos cans poidan recoller os seus ouriños.
Poderán recoller o material todas aquelas persoas da vila marinense que teñan censado ao seu animal no rexistro municipal.
Desde o Concello lembran que isto é un trámite de obrigado cumprimento, así como ter actualizados os datos do animal, polo que recomendan revisar esta cuestión.