Poio comeza a incorporar o persoal que reforzará os servizos municipais

Por Redacción
Desde o pasado 1 de abril, cinco novos traballadores reforzan os servizos municipais de Poio. Trátase de catro conserxes para diferentes instalacións e unha auxiliar clínica para Servizos Sociais. Forman parte dos 28 contratos que se farán a través do Plan Concellos da Deputación.
No caso dos conserxes, a duración dos contratos será ata o 30 de novembro, excepto o correspondente á persoa que desenvolva esta tarefa na casa consistorial, que permanecerá contratada ata finais de ano.
Grazas a estas contratacións, pasarán a contar con este servizo equipamentos como a Casa Museo de Colón, en Portosanto, ou o Centro Cultural Xaime Illa de Raxó.
A primeira incorporación realizada a través desta iniciativa foi a da técnica de Turismo que, xa durante a Semana Santa, pasou a reforzar este departamento, desenvolvendo tarefas de información e asesoramento na oficina de Combarro.
Será a partir do vindeiro 15 de abril cando se produza a incorporación da meirande parte das contratacións tramitadas a través do Plan Concellos. En concreto, nesa data iniciarán os seus labores os 11 operarios que reforzarán o departamento de Obras e Servizos Municipais.
Entre as tarefas a desenvolver figuran a rehabilitación das rutas de sendeirismo e paseos que existen na vila ou a limpeza e roza de camiños e pistas, así como o mantemento de praias. Todos eles contarán cun contrato dunha duración de oito meses.
De aquí ao verán, iranse incorporando tamén novos reforzos para departamentos como Servizos Sociais ou Turismo.
O concelleiro de Persoal, Xosé Luís Martínez, sinala que o investimento solicitado nesta nova convocatoria para poder fronte a esta actuación rolda os 235.000 euros aproximadamente.
Estas contratacións, defende o edil, permiten incorporar ao mundo laboral persoas que se atopan en situación de desemprego e sinala que o reparto de prazas faise en función das necesidades de persoal suplementario que precisa cada departamento municipal.
Relacionadas:
-
O PP critica que "a pesar do gasto en desbroce, os camiños de Poio nunca tan mal estiveron"
Por Redacción |
-
As visitas volven á Casa Museo de Colón en grupos dun máximo de 15 por mor da pandemia
Por Redacción |
-
Poio editará unha nova guía promocional para poñer en valor o seu territorio
Por Redacción |
-
Poio tramita a contratación dun titulado en Turismo para a oficina de Ferreirós
Por Redacción |
-
Poio inicia o proceso de contratación temporal de 28 profesionais de diversas áreas
Por Redacción |