Prevista a reforma de todo o pavimento da área de xogos situada na pasarela José Adrio
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
18.773 euros investiranse nas obras para renovar integralmente a área de xogos situada na pasarela da rúa José Adrio, en 12 de Novembro. O concelleiro responsable desta área Iván Puentes anuncia que nas próximas semanas a empresa Lappset España restaurará todo o pavimento e levará a cabo cambios en diversos elementos desta zona de xogos con dúas estruturas que dan forma de tren ao parque.
O concelleiro indica que o pavimento se atopa moi deteriorado e, ademais de restauralo, queren aproveitar para mellorar as súas condicións de seguridade en caso de impactos e caídas dos menores que o utilicen.
Retirarase todo o chan actual, limparase o recheo e acondicionarase a base para instalar o novo pavimento. Despois instalarase un pavimento continuo formado por dúas capas, unha de goma SBR, que reduce os impactos e outra de caucho de polietileno de moi alta elasticidade e resistencia, que conta con propiedades para facer fronte á auga e a outras condicións adversas meteorolóxicas.
Estas obras tamén contemplan a restauración do contrachapado de entrada ao túnel e dunha zona de chan de madeira, ademais da renovación de diversos elementos como os prismáticos e das redes de acceso á torre de vixía.
Os traballos súmanse ás melloras das áreas de lecer infantil que se realizaron polo Concello na Praza de Europa, Cidade de Pedra, antigos terreos de Tafisa, Campolongo e a Illa das Esculturas co obxectivo de acreditar a seguridade destas zonas de xogo.