Os palangreiros de Marín abordan coa Xunta o acordo pesqueiro entre a UE e Mauritania
Por Redacción
Representantes da asociación Orpal, que agrupa a buques palangreiros de Ribeira e Marín, e a conselleira do Mar, Rosa Quintana, mantiveron esta semana unha reunión para abordar o novo acordo pesqueiro entre a Unión Europea e Mauritania, que afecta á súa actividade.
A sétima rolda de negociación para a renovación do acordo pesqueiro entre a UE e Mauritania produciuse hai uns días e agora as partes están pendentes de continuar as conversas para debater en detalle cuestións pendentes. Galicia defende o avance destas negociacións para evitar atrasos e co obxectivo de que a frota galega poida continuar coa súa actividade de xeito sustentable.
Segundo a información facilitada pola Xunta de Galicia a través dun comunicado, a conselleira trasladoulles que a Xunta está expectante ante as negociacións, dada a "necesidade de acadar resultados" antes da finalización da prórroga actual deste protocolo, que expira o próximo 15 de novembro, e co obxectivo de evitar que a frota vexa paralizada a súa actividade.
A conselleira do Mar xa enviou en febreiro unha carta ao ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, amosando a súa preocupación pola situación e solicitou ao Goberno central que defenda o seu impulso para que a frota galega poida desenvolver a súa actividade en boas e rendibles condicións.
Rosa Quintana entende que a actitude da UE é pasiva e que non ten vontade de chegar a un acordo. Tamén fixo saber da súa preocupación durante o Consello de Ministros de Pesca da Unión Europea celebrado o 22 de febreiro, ao que asistiu por videoconferencia desde Madrid acompañando ao ministro como representante das comunidades autónomas españolas en materia pesqueira. Alí puxo de manifesto o descontento da frota coa actuación da Unión Europea nas últimas roldas negociadoras.