Arranxo de 55 pistas para resolver os danos causados polas choivas invernais en Cuntis
Por Redacción
Manuel Campos, alcalde de Cuntis, anunciaba a posta en marcha do proxecto de reparación de vías municipais, que levará a cabo en oito parroquias. En total, está prevista unha intervención en 55 pistas.
A intención por parte do goberno local é emendar os danos que se rexistraron durante o inverno nos camiños e accesos parroquiais debido ás fortes choivas. Estas obras incluirán melloras no firme, pavimentacións por tramos, reforma da drenaxe e limpeza das cunetas.
O orzamento ascende a máis de 150.000 euros, que se financiarán de maneira completa polo Plan Concellos da Deputación de Pontevedra. A actuación foi declarada polo goberno de Cuntis como de emerxencia e así foi solicitada á Deputación para que se poida executar canto antes.
O alcalde Manuel Campos tamén anunciou que a liña 1 do Plan Concellos 2021 dedicarase a obras de mellora de viais e rede de saneamento, que se desenvolverá fundamentalmente no rural, aínda que tamén nalgunhas zonas do centro urbano. Campos sinala que a aposta do Concello é mellorar os servizos e as infraestruturas nas parroquias atendendo as respostas veciñais durante este mandato.