Perde o control dunha queima agrícola autorizada en Campelo
Por Oskar Viéitez
A Policía Local de Poio acudiu este mércores á zona de Campelo por un requirimento de varios veciños por unha queima agrícola descontrolada. Ocorreu sobre as 20 horas.
Ao chegar ao lugar os axentes non atoparon ao propietario do terreo xa que fora a buscar auga para sufocar o lume que máis tarde el mesmo extinguiu.
Segundo informan desde a Policía Local este veciño tiña con comunicación previa para poder realizar a queima de restos agrícolas, pero cometeu varias infraccións. A normativa esixe que antes de iniciar a fogueira farase unha devasa mediante a eliminación manual ou mecánica da totalidade do material combustible nunha franxa de polo menos cinco metros de longo, rodeando o perímetro que se vai a queimar.
A normativa non só pide comunicación previa, senón tamén outras esixencias, como que en toda queima autorizada deberase contar co persoal e con material suficiente para o seu debido control.
Dado o elevado risco que supón este tipo de queima para a seguridade e saúde do persoal que as leva a cabo, en ningún caso poderanse realizar individualmente, mesmo no caso de que a súa extensión sexa pequena e en principio se considere que o risco é mínimo.